Compostela, 15 de xaneiro do 2020 – A concelleira de Economía e Facenda de Santiago, Marta Abal, foi a encargada de presentar aos medios de comunicación o borrador de orzamento que se está a negociar.
En conxunto o orzamento crece un seis por cento con respecto ao 2019. A concelleira destacou o incremento en investimentos e no gasto social que crece ata os 4,6 millóns; de eles case tres destinados ao servizo de axuda no fogar.
Marta Abal tamén salientou o incremento na área de Educación, cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Esta suba ten a súa causa principal nos incrementos dos contratos de xestión da Escola Municipal de Música, do servizo de limpeza e conserxería de centros escolares e da xestión das escolas infantís municipais.
Marta Abal referiuse tamén ao incremento que supoñen os novos contratos do servizo de limpeza viaria e recollida do lixo ou do servizo de mantemento de zonas verdes, que se prevé adxudicar no último trimestre do ano e cuxos prezos haberá que actualizar despois de varios anos de vixencia. No caso do contrato de parques e xardíns, o contrato tamén recollerá unha ampliación dos ámbitos incluídos, que supón igualmente un incremento da partida.
As prestacións culturais tamén rexistrarán un incremento, que Marta Abal cifrou nun 3% máis respecto a 2019. Finalmente, destacou o incremento na área de Comercio, Promoción Económica e Mercados, con máis de 1,1 millóns de euros destinados á dinamización económica da cidade.
14,5 millóns para investimentos
O capítulo 6 de investimentos, que corresponde executar directamente ao Concello, alcanza os 14,5 millóns de euros. Salientan as partidas destinadas aos proxectos europeos Smartiago, con máis de 1,1 millóns de euros, e Edusi, con 2,9 millóns de euros.
Neste capítulo tamén son significativas as partidas destinadas á restauración de muros, ao selado do vertedoiro de Aríns, á reurbanización de Concheiros (incluída no convenio de mellora das entradas dos Camiños de Santiago e orzamentada en 1,6 millóns de euros) ou os estacionamentos previstos no Castiñeiriño ou Altiboia (400.000 e 200.000 euros, respectivamente). Tamén neste apartado se inclúe o acordo plenario sobre o Plan Director das Instalacións Deportivas Municipais (500.000 euros). Finalmente, a concelleira de Economía e Facenda destacou o importante esforzo orzamentario para a mellora do rural de Compostela, cunha previsión de gasto de máis de 2,8 millóns de euros.
O apartado de investimentos, recalcou Marta Abal, incrementarase sensiblemente grazas ao cumprimento do período medio de pago, o que permitirá destinar remanente de tesourería a gastos financeiramente sostibles.