займ срочно

15 países de catro continentes no III Fórum do Camiño de Santiago

0

Compostela, 31 de xaneiro do 2019 – O III Fórum do Camiño reunirá en Santiago empresas e institucións de quince países de catro continentes do 10 ao 12 de febreiro.

A terceira edición de  Fairway será a máis internacional das celebradas ata agora deixando patente o interese que a peregrinación xacobea esperta fóra das nosas fronteiras. Así o salientaron os organizadores do Fórum do Camiño na presentación que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos.

O acto contou coa presenza de  Martiño  Noriega, alcalde de Santiago; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da  Deputación da Coruña; Charo Calvo, responsable de comunicación da Zona 1 en Correos (patrocinador do evento desde elcaminoconcorreos.com);  e os tres  codirectores de  Fairway: Ana García (Trevisani), Manuel  Oreiro (Viajes  Viloria) e Tono  Mugico (Mr. Turismo).

Feira internacional

A xuízo dos organizadores,  Fairway será máis que nunca o punto de encontro de todas aquelas persoas e institucións vencelladas ao Camiño de Santiago. A feira, tal e como subliñou Ana García, “medrará un 20% con respecto á pasada edición”.  Os expositores, desvelou, serán máis dun cento.  “Queremos destacar que entre eles contaremos con máis de cincuenta concellos galegos e seis comunidades autónomas”, engadiu.

No ámbito internacional, a directora de  Trevisani incidiu tamén “na moi importante aposta de Portugal, con trece cámaras municipais presentes” e a participación de rutas de peregrinación estranxeiras como a xaponesa de  Kumano  Kodo (a través da prefectura de  Wakayama,  irmandada con Galicia) ou a italiana de San Francisco de  Asís.

Empresas de Sudáfrica e Australia

Manuel  Oreiro, pola súa banda, manifestou que  Fairway continúa apostando polo  workshop como formato de éxito para facilitar os encontros de traballo entre  Hosted  Buyers e todos aqueles profesionais, empresas e organismos públicos vinculado a calquera dos Camiños de Santiago interesados en darlles a coñecer os seus produtos, destinos e servizos. 

Os  Hosted  Buyers, explicou Manuel  Oreiro, “son operadores turísticos, axencias de viaxes emisoras, centrais de reservas e axencias online convidados pola organización para participar no  workshop. Trátase de empresas que veñen a  Fairway a coñecer outras empresas e recursos e crean vínculos profesionais e oportunidades de negocio”.

En total, citaranse en  Fairway 35  Hosted  Buyers. “Haberá por primeira vez empresas de Sudáfrica, Australia, Francia, Bélxica e México; que se suman a empresas de Reino Unido, Canadá, Brasil, Italia ou Portugal, países que repiten”, sinalou  Oreiro.

Os seus interlocutores serán máis de 120 organismos, tanto públicos como privados: establecementos dedicados á hostalería; axencias de viaxes; servizos de guías e excursións, transporte de persoas e mochilas e aluguer de bicicletas; adegas;  desenvolvedores de aplicacións móbiles; organismos públicos e destinos representados por gobernos autonómicos, mancomunidades, xeodestinos e concellos.

“Están previstas máis de 1.400 reunións de traballo nos dous días de  workshop, iso supón un crecemento dun 35% con respecto á segunda edición”, concluíu.

Viaxes de familiarización

Moitos dos operadores turísticos inscritos no  workshop tamén participarán en tres viaxes de familiarización para a prensa que organizou  Fairway co obxectivo de visibilizar rutas menos concorridas. Nesta ocasión, contou Manuel  Oreiro, promocionaranse o Camiño Portugués pola Costa, o Camiño do Norte e o Camiño Fisterra-Muxía.

“Estas viaxes de prensa tamén gañan moitísimo peso con respecto a pasadas edicións.  Participará o que quizais é o medio de turismo máis importante de África, ‘Traveller 24’, de Sudáfrica, e medios de Brasil, como  Super Radio. Tamén virán xornalistas de ‘National  Geographic’ España, ‘Marie  Claire’, a revista ‘Viajar’ ou ‘La Razón’”, manifestou o director de  Viloria.

Fairway  Invest

O marco de negocios verase reforzado nesta edición por un foro de investimento que, segundo sinalou Tono  Mugico, apontoará a última xornada de  Fairway. Desenvolta en colaboración con  Keiretsu  Forum, a maior rede de investidores privada do mundo, “comprende un programa de formación con títulos tan suxestivos como ‘Canto vale unha empresa se factura pouco… ou nada?  e mesas de financiamento con entidades como  Enisa ou  Xesgalicia”.

O director de  Mr. Turismo subliñou a aposta polo emprendemento deste primeiro  Fairway  Invest cun concurso de ideas ao que se presentaron case unha vintena de proxectos “vinculados directamente ao Camiño ou cunha relación máis  tanxencial pero que levan a cabo empresas situadas nalgún dos puntos polos que discorre”. Desvelou que a súa actividade abarca desde a explotación de patinetes eléctricos nas rutas de peregrinaxe ata o coidado de persoas ou a reciclaxe de roupa. O gañador deste concurso, que levará cinco mil euros, anunciarase en  Fairway o martes 12 de febreiro.

Conferencias, mesas de debate e programa de formación

En canto ao congreso, Tono  Mugico sinalou que constará de conferencias e mesas de debate. Incidiu na “relevancia dos relatores” e explicou que as temáticas responden as preocupacións recollidas nas anteriores edicións de  Fairway.  Así mesmo, manifestou que o programa de  Fairway complétase nesta edición cun ciclo formativo – Fairway  Academy- que se desenvolverá na xornada do luns 11 e que estará constituído por talleres de carácter práctico, seguidos de conferencias. “Os relatores son referentes a nivel estatal nas disciplinas que tratarán: márketing dixital e reputación  online”, afirmou. 

Actividades para todos os públicos

Por último, Tono  Mugico fixo “un chamamento á participación tanto de veciños como de visitantes” nas actividades previstas na xornada de portas abertas coa que se abrirá  Fairway III Fórum Camiño de Santiago o domingo 10 de febreiro. Destacou a ruta de sendeirismo I Camiño –“que nos achega a algúns dos puntos máis interesantes e menos coñecidos da cidade”_ e a proposta  Gastroway, un  bufet cunha selección de receitas das rutas xacobeas.

Tamén os acompañará a asociación Apaca, impulsora da credencial canina, cun espazo de adopción e consellos para facer o Camiño con cans e haberá ademais sesións de escape  room, talleres de  mindfulness ou ludoteca…

Coa excepción de  Gastroway, as actividades son gratuítas ata completar aforamento.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies