Teo, 26 de setembro do 2018 – O Concello de Teo vén de enviar ao departamento de minas da Consellería de Industria un informe sobre o plan de restauración da canteira da Casalonga no que advirte dun erro que deberá ser subsanado antes de continuar coa tramitación.
O informe foi solicitado o pasado 14 de setembro despois de que Toysal presentara un plan de restauración para os terreos da Casalonga. O técnico municipal considera que “existe un erro en canto ao ámbito sobre o que se debe desenrolar a restauración da explotación Casalonga que deberá ser subsanado para continuar coa tramitación do expediente”. En todo caso o informe municipal, nesta tramitación, non é vinculante nin leva a un peche automático do expediente.
O alcalde, Rafael Sisto, destaca que “non se pode utilizar un plan de restauración dunha canteira abandonada para instalar un vertedoiro. A normativa para a restauración das canteiras está pensada para reparar as consecuencias dunha actividade económica prioritaria, a explotación mineira, pero Toysal pretende utilizar fraudulentamente esta norma para unha actividade na que o negocio se atopa no lixo que quere enterrar na restauración e non na explotación dos dereitos mineiros adquiridos”.
Onte tivo lugar unha xuntanza entre as forzas políticas teenses e a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos e a Directora Xeral de Calidade Ambiental. No encontro trasladouselle o rexeitamento frontal da veciñanza e das forzas políticas ao plan de restauración presentado por Toysal.
Plan de restauración
A empresa Toysal recolle no documento presentado na Xunta o listado de materiais cos que pretende rechear o oco da canteira xa explotada. Concretamente son inertes obtidos dos seguintes procesos: residuos de prospección, extracción de minas e tratamentos físicos e de minerais; residuos de procesos térmicos; da construcción e demolición e residuos municipais. Segundo o mesmo documento o volume total de inertes que queren empregar na restauración será de 9.186.694,4 metros cúbicos. O plan recolle que “segundo se vaia rematando a fase de remodelación do terreo, é dicir, o recheo do oco de explotación, progresivamente se procederá ó estendido da capa de material coas características necesarias para que se produza unha correcta revexetación. Esta última capa podería ser a propia terra vexetal, retirada e acopiada previamente á explotación do recurso, ou un substituto da mesma como poden ser como poden ser os tecnosolos”.