Boqueixón, 15 de febreiro do 2017 – O Pleno Municipal de Boqueixón aprobou o orzamento para 2017, que ascende a un total de 3.256.142,44 euros. As contas, que contan con equilibrio entre gastos e ingresos, son un 3,93% superiores ás de 2016.
Para o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, estas contas son “reais, manteñen a política de restrición de gasto non prioritario, garanten a estabilidade orzamentaria do concello e, o máis importante, permiten o sostemento da totalidade dos servizos públicos de calidade que presta esta administración”.
O rexedor tamén quixo destacar que este exercicio orzamentario será o primeiro dende 2009 que non conta con gasto na área 0 destinada a financiar a débeda pública, xa que o ano pasado se liquidou o único crédito bancario que tiña pedido o concello de Boqueixón.
Por áreas de gasto, a área 1 destinada a garantir a prestación de servizos básicos conta cun orzamento de 1.617.000 euros. A segunda área de gasto, a de actuacións de protección e promoción social ascende a 716.00 euros e a terceira de bens públicos de carácter preferente, que engloba cultura, educación ou deportes conta con 276.000 euros.
Boqueixón destina a promoción económica un orzamento de 88.500 euros, e 557.000 euros as actuacións de carácter xeral e económico, que inclúe a administración municipal, está dotada con .
En canto aos investimentos reais, o concello prevé executar proxectos por valor de 646.000 euros. Ademais das obras de mantemento das vías e demais infraestrutura municipal, destaca a adquisición do edificio da antiga Cámara Agraria, situada en fronte ao concello.
No estado de ingresos, o orzamento de Boqueixón para 2016 prevé recadar por impostos directos un total de 790.000 euros. Estes son os que gravan os vehículos, as vivendas, as fincas e a actividade económica. Por impostos indirectos ingresaranse 35.000 euros, a través do imposto sobre construcións, instalacións e obras.
A través das taxas e prezos públicos recadaranse 370.000 euros, que inclúen os recibos do servizo de abastecemento, e a través de transferencias correntes, que son as subvencións doutras administracións, 1.450.000 euros. Por último, as transferencias de capital do Estado contemplan ingresos de 605.000 euros e os intereses das contas municipais 2.000.