Bisbarra, 3 de abril do 2024 – O concello de Boqueixón ven de rematar a mellora da esstrada que une as aldeas de Moa e A Pena, na parroquia de Loureda.
O investimento en esta vía de Boqueixón foi de 146.420 euros. A actuación permitiu ademais da mellora do firme a construción dun itinerario peonil de 1,5 metros de ancho anexo á estrada.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, explica que se trata dunha actuación que “suporá unha importante mellora na seguridade viaria na parroquia xa que os veciños e veciñas de A Pena e A Moa carecían dun espazo para o tráfico peonil, polo que tiñan que camiñar pola calzada nos seus desprazamentos cotiás, xa que non existía sequera unha cuneta transitable. Agora dispoñen dun itinerario peonil para desprazarse con maior comodidade e seguridade”.
O novo itinerario foi construído en pavimento de formigón coloreado de 15 centímetros de espesor. Baixo esta senda, executouse unha rede de recollida de augas pluviais con oito arquetas con sumidoiro e deixouse tamén lista a canalización para o alumeado público.
As obras de Boqueixón incluíron a construción de tres muros de granito para contención de terras e, para garantir a seguridade dos peóns, instalouse tamén unha varanda de aceiro inoxidable nun tramo de desnivel.
Así mesmo, mellorouse a capa de rodaxe dos 900 metros da estrada cun aglomerado en quente de 5 centímetros, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes. Os traballos completáronse co pintado da sinalización horizontal, pintado de liñas en bordes incluída, e a colocación de dous sinais de Stop.