Ames, 26 de xuño do 2018 – O Concello de Ames conmemora o Día Mundial do Refuxiado coa exposición da mostra No colo da esperanza, que pode visitarse no Pazo da Peregrina ata o venres 29 de xuño.
No colo da esperanza foi inaugurada o sábado, 16 de xuño, durante a celebración do Encontro Intercultural de Ames cunha visita guiada da man do propio autor, Felipe Carnotto. Esta exposición ten como obxectivo concienciar sobre a difícil situación das persoas refuxiadas. A mostra componse dunha ducia de fotografías en branco e negro tomadas no ano 2015 na coñecida como “ruta dos Balcáns”, a través da que milleiros de persoas foxen da guerra en Siria á procura de refuxio en Europa. Estas fotografías están protagonizadas principalmente por nenos e nenas que foxen da guerra en Siria coas súas familias, na procura dun futuro próspero en Europa. A forza das imaxes pretende poñer o foco nas inxustizas responsables da crise migratoria e humanitaria pola que miles de refuxiados se ven obrigados a abandonar os seus fogares e camiñar durante horas, cruzando países como Turquía, Macedonia ou Serbia na procura de refuxio, coa esperanza de vivir en paz. A exposición fotográfica, forma parte das actividades ofertadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aos Concellos socios.
A relación entre Felipe Carnotto e o Fondo Galego bota a andar en 2014, cando o fotógrafo gaña o concurso Imaxes con Fondo II, no que o premio era unha viaxe a Nicaragua para retratar a realidade do país e os proxectos alí apoiados. Desta colaboración nace a mostra “Nicaragua. O futuro” e unha serie de talleres de fotografía social que percorreron unha decena de vilas. Agora o reporteiro cede esta nova exposición realizada na ruta dos Balcáns, onde o Fondo Galego aportou axudas de emerxencia ás persoas refuxiadas.
Como fotoxornalista freelance, Felipe Carnotto (São Paulo, 1986) publicou en xornais como The Guardian, Der Spiegel, Financial Times, El País ou a revista Luzes. O fotógrafo de orixe brasileira afincado en Vigo mostrou ademais a súa obra na Sede Afundación da cidade olívica ou no Kiosko Alfonso da Coruña, así como en galerías e museos doutros puntos do estado e de Portugal. En 2017 faise co recoñecemento á Imaxe do Ano no prestixioso certame Estação Imagem e no mesmo ano consegue o Galicia en Foco, o galardón fotoxornalístico máis antigo de Galicia.