Brión, 14 de outubro do 2021 – O ciclo de teatro amador Fegateatro volve a Brión con catro actuacións ao longo dos meses de outubro e novembro.
A primeira das obras de Fegateatro represéntase este mesmo venres, día 15 de outubro. Teatrino poñerá en escea “Lisístrata” as 20:30 horas no auditorio do centro social polivalente.
“Lisístrata” é un espectáculo dirixido a todos os públicos. Durante uns 65 minutos, supón unha revisión da obra clásica na que as mulleres inician unha folga de abstinencia sexual para deter a guerra entre Atenas e Esparta. Teatrino porá en escena unha comedia chea de enredos e xogos de palabras que serve para denunciar a visión masculina dos roles femininos e apuntar a necesidade dunha militancia activa pola igualdade de xénero.
A asistencia aos catro espectáculos será de balde, se ben o aforo é limitado e é preciso anotarse previamente enviando un mail a entradasbrion@gmail.com, indicando nome da persoa ou persoas asistentes, NIF e teléfono de contacto.
A Federación galega de Teatro Amador, Fegateatro, e o concello de Brión completarán o ciclo con FarandOleiras Cabaré, con “Olimpo´s” (venres 22 de outubro), Tiruleque con “A farsa do Maitre Pathelin” (venres 12 de novembro) e Tequerreté Teatro con “Confinados” (venres 19 de novembro).
Teatro profesional
Fegateatro desenvolverase paralelamente ao Brión Cultural, un programa de teatro profesional que ten lugar os sábados de outubro e novembro. Para este sábado 16 de outubro, a compañía A Panadería porá en escena “Elisa e Marcela”, unha comedia musical recomendada para un público adulto que poderá desfrutarse ás 20:00 horas no polivalente. Inscricións en entradasbrion@gmail.com ata as 14:00 horas do 14 de outubro.
“Elisa e Marcela” é unha reconstrución irreverente dun suceso real: en 1901, dúas mulleres casan na igrexa de San Xurxo (A Coruña), unha delas vestida de home. Unha historia de amor a contratempo onde o verídico parece un invento.