займ срочно

O BNG de A Estrada denuncia os erros do catastro

0

A revisión dos recibos do lixo de A Estrada pon en evidencia (unha vez máis) ao Catastro. Especialmente no rural hai referencias catastrais que non se corresponden coa realidade, o que está a causar verdadeiros quebradeiros de cabeza a veciños e veciñas

A Estrada, 9 de novembro do 2016: A revisión das taxas do lixo e vados ordenada polo concello ao ORAL está a causar graves trastornos aos veciños e veciñas da Estrada, especialmente do rural. Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Xosé Magariños, “a maneira que ten o concello de saber que ningún inmóbel quede sen pagar a súa correspondente taxa do lixo é cruzando os datos cos titulares dos recibos do IBI cos do lixo”. “Este método pode ser o apropiado”, engadiu Magariños, “se as referencias catastrais se corresponderan coa realidade, isto é, que as propiedades se corresponderan co seu lexítimo propietario”.

“Porén”, explicou o portavoz municipal, “estamos a recibir queixas de veciños e veciñas da estrada, especialmente dos que viven no rural, que se atopan que a referencia catastral que proporciona o Ministerio de Facenda non se corresponde coas súas propiedades, co trastorno que iso lles está a provocar xa que teñen que aportar diversa documentación para identificar inequivocamente a súa propiedade”. “E non falamos de casos illados”, engadiu Magariños, “xa que nos consta que hai lugares enteiros, como por exemplo en Agar, cuxas referencias catastrais están mal”.

Catástrofe

Para o portavoz nacionalista no concello da Estrada, “os problemas que ten o catastro no noso concello son de sobra coñecidos, de feito sabemos de veciños que a pesar de que hai anos que regularizaron a súa situación identificando correctamente os titulares das propiedades, aínda seguen a estar mal”. “Tanto é así”, engadiu Magariños, “que no rural moitos veciños e veciñas xa falan de “catástrofe” para referirse ao Catastro polos quebradeiros de cabeza lles está a causar, porque se as referencias catastrais están mal, non se corresponden coa realidade, o IBI que pagan moitos veciños e veciñas da Estrada tamén están mal, e uns están pagando máis do que lles corresponde e outros menos”.

Os nacionalistas teñen claro que “canto máis se afasta a administración dos veciños e veciñas máis problemas hai e máis difícil é solucionalos como acabamos de ver”, indicou Magariños. “Neste sentido”, engadiu, “temos claro, e a experiencia así o demostra, que en Madrid pouca idea teñen de cal é o noso xeito de habitar o territorio, e aos feitos me remito, e se o concello recadara os impostos e taxas como facía antes, no canto de facelo o ORAL, seguramente habería outro xeito menos problemático de revisar as taxas do lixo e dos vados”.

Hai que pagar 432.000 €

Os problemas que está a causar a factura de SOGAMA está detrás revisión dos recibos do lixo. “O concello da Estrada pagoulle a SOGAMA o ano pasado 432.000 €, iso sen contar o gastos da recollida e o transporte”, explicou o concelleiro nacionalista, “unha cifra astronómica que explica a revisión dos recibos do lixo, porque o concello non quere que ninguén se quede sen pagar esta taxa”.

O BNG insta ao alcalde a tomar medidas para arranxar os problemas que está a causar o Catastro no noso concello. “Son tantos os problemas que hai, que mellor sería que habilitaran unha oficina permanente na Estrada para que ao longo do 365 días do ano, os veciños e veciñas da Estrada puideran solucionalos”, afirmou o concelleiro nacionalista. “E neste caso en concreto, pido ao alcalde que se interese polos problemas que está habendo coas revisións do recibo do lixo e busque o mellor xeito de solucionalo, causando o menos problema aos veciños e veciñas”, indicou Xosé Magariños.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies