Lousame, 14 de abril do 2020 – Lousame celebrou unha sesión plenaria extraordinaria e urxente para aprobar o pago de facturas a provedores correspondentes ao exercicio 2019.
A sesión celebrouse xeito telemático para cumprir coas condicións de confinamento establecidas polo Real Decreto-Lei 11/2020, do 31 de marzo. O pago a provedores farase grazas a dous recoñecementos extraxudiciais de crédito por un importe de 167.084,47 euros.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, xustificou a urxencia da sesión en que “queremos que os provedores, que están pasando un momento difícil, tarden o menos posible en ter efectivos os seus ingresos”. Neste sentido, explicou que a intención era celebrar esta sesión no mes de marzo, pero non foi posible por cuestións técnicas. “Faise agora para enviar o luns á Deputación e que poida saír publicado do BOP para que a finais de mes os provedores teñan as facturas pagadas”, explicou a alcaldesa. Unha urxencia que foi aprobada co voto unánime dos 7 concelleiros do PP, 3 edís do PSOE e o voceiro do BNG, conectados a esta sesión telemática.
Liquidación do Orzamento de 2019
Previamente, a alcaldesa deu conta do expediente da liquidación do Orzamento do exercicio 2019, que deixa un remanente líquido de Tesourería de 552.608,62 euros, o que permitiu a aprobación dos créditos extraordinarios e os REC para o pago de facturas a provedores. Así mesmo, este expediente dá conta da solvencia económica do Concello de Lousame, que a 31 de decembro de 2019 rexistraba un período medio de pago a provedores de 8,12. Así mesmo, Lousame conta cun aforro neto positivo de 119.483,12 euros e unha débeda bancaria cero.