Padrón, 15 de marzo do 2018 – O concello de Padrón comprométese a apoiar a Banda Municipal despois dunha reunión mantida coa directiva da formación musical.
A concelleira de Cultura de Padrón, Lorena Couso, no transcurso do encontro coa directiva da Banda, reiterou o compromiso do goberno local con esta formación e comprometeu achegas por un importe global de 50.000 euros. Desta cantidade, a partida máis elevada, 30.600 euros, corresponde á retribución polas diferentes actuacións programadas ao longo da tempada en colaboración co Concello. Ao respecto, ambas partes acordaron manter a programación do establecido o ano anterior, agás o concerto de San Juan do Raio, que se substituirá por outro no verán. A maiores, a Concellería de Cultura tamén respaldará a actividade docente da Escola de Música aportando 19.700 euros para a contratación de varios profesores.
A concelleira explica que “Para o concello, tan importante como as actuacións da propia Banda é o labor docente da escola, que está a forxar en Padrón unha canteira de novos músicos da que poderá nutrirse a propia banda”. Por outra banda, Lorena Couso anticipou que este ano o seu departamento reforzará o traballo coa Banda de Música Municipal de Padrón na organización do Festival de Bandas Capital do Sar -principalmente en aspectos loxísticos, técnicos e protocolarios-, que alcanza a súa décima edición o día 8 de abril, domingo de Pascuilla. O escenario do festival será a Praza de Macías a partires das 18.00 horas e as formacións protagonistas serán a Banda de Música Municipal de Agolada, a Banda de Música de Vilatuxe e a propia Banda de Música Municipal de Padrón.