Padrón, 27 de xaneiro do 2018 – O BNG de Padrón ven de conseguir que o pleno municipal aprobe unha moción encamiñada ao control da contaminación no polígono da Picusa.
Os nacionalistas explicaron na súa quenda que os veciños da zona, principalmente de A Retén, Luáns, A Matanza e Vista Alegre veñen manifestando a súa preocupación pola contaminación ambiental do medio no que residen. Posibles verquidos, emisións de gases e malos olores centran as queixas. Estas reclamacións fan preciso un control ambiental cuxos resultados sexan feitos públicos e determinen que accións tomar en caso de ser necesario.
A moción aprobada acorda que o concello contrate un servizo de control ambiental da calidade das augas e da emisión de gases e malos olores. Que o primeiro de eses controis fágase antes de seis meses e que os resultados sexan publicados e comunicados aos veciños.
Ademais da moción relativa ao polígono da Picusa o BNG intentou, por segunda vez, que o pleno tratara a moción para o rexeitamento ao proxecto de reapertura da explotación mineira en Touro, pero o Goberno Municipal de PP+PGD rexeitou a proposta. O BNG advertiu do perigo que conleva esta explotación mineira para Padrón e todo o Barbanza polo altísimo risco de contaminación do río Ulla, fonte de abastecemento de auga para uso doméstico de toda a comarca.
Outras das demandas do BNG foi a reposición de todos os puntos de recollida de lixo que foron suprimidos e que figuran no plano de prego de condicións que deben cumprir as empresas. Para o BNG a supresión de puntos de recollida de lixo supón un grave transtorno para os veciños afectados e unha grave irregularidade no funcionamento do servizo de recollida de RSU, xa que a empresa debe respectar a recollida en todos os puntos que figuran nos planos de prego de condicións do servizo.