займ срочно

Os veciños do rural decidaran o destino dos orzamentos participativos de Ames

0

Ames, 19 de maio do 2017 –  O goberno municipal de Ames presentou a campaña de orzamentos participativos a través da cal os veciños decidirán os investimentos que se farán no rural durante o 2017.

É a primeira vez que se pon en marcha unha iniciativa de participación aberta. Entre o 9 e o 23 de xuño abrirase un período para que a veciñanza presente as súas propostas a través dun impreso que haberá que entregar nos rexistros municipais. De seguido, unha comisión formada por veciños, membros do goberno e técnicos municipais valorará e seleccionará as propostas que se  executarán durante o segundo semestre de 2017.

O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, presentaron a campaña de orzamentos participativos que leva por nome  “En Ames participamos e decidimos no noso concello!”

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “Trátase dunha ferramenta activa e aberta de participación na xestión de parte dos recursos municipais, que vai permitir a participación dos veciños, tanto de forma individual coma a través das distintas asociacións veciñais existentes. Esta iniciativa serve para implicar a cidadanía porque son eles os que mellor coñecen as principais necesidades e demandas que existen no rural”.

Os orzamentos participativos recolle a proposta do goberno de participación da veciñanza de Ames asignando a cantidade de 132.000 euros como orzamento participativo destinado a gastos do Capítulo VI (investimentos reais) cun reparto igualitario de 12.000 euros para cada unha das 11 parroquias (Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño) para actuacións no rural. Poderán debaterse e presentarse propostas relacionadas co capítulo de investimentos como son, entre outras, as seguintes: melloras na iluminación pública; mantemento e mellora de fontes públicas; mantemento de estradas e camiños; actuacións en materia de abastecemento e saneamento; acondicionamento ou mellora de zonas verdes e espazos naturais.

O alcalde de Ames, José Miñones, dixo “para este goberno hoxe é día moi importante porque iniciamos este proceso que vai permitir a participación directa da veciñanza. Ademais, é importante porque recollerá as demandas que os veciños e veciñas lle fagan ao goberno e que se executarán con esa partida que está habilitada no orzamento de 2017. Somos conscientes de que esta iniciativa se realiza por primeira vez, co cal é posible que cometamos erros. Por iso temos que tratar de ir aprendendo de cara a mellorar  para os vindeiros anos. Para nós é un novo xesto de cara ao rural. Agardamos que a finais do mes de xuño teñamos as propostas pechades e quedará por diante todo un semestre para poder executalas”.

Comisión de orzamentos participativos

Cómpre destacar que para o desenvolvemento de todo o proceso designarase unha Comisión de orzamentos participativos, que estará composta por membros do goberno, persoal técnico municipal e representantes das diferentes asociacións veciñais das parroquias. Este órgano encargarase de seleccionar as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente.

Unha vez seleccionadas, a comisión clasificara as propostas atendendo aos seguintes criterios por orde de prioridade: mellorar a calidade de vida e as necesidades básicas da poboación do rural; afecten ao maior número de veciños da parroquia; prever a activa participación da veciñanza; favorecer a colectivos vulnerables ou con necesidades especiais; favorecer o desenvolvemento sostible ou aforro económico e/ou a eficiencia enerxética; prever o cofinanciamento por parte da veciñanza. Finalmente, dita comisión publicará unha listaxe de todas as propostas presentadas e elaborará e aprobará a relación definitiva de propostas seleccionadas ordenadas segundo a orde de prioridade e publicara a listaxe definitiva.

Share.

Comments are closed.