Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

PUBLI bng 25 XULLO
Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • Xeral

Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, triunfa nos XXX Premios María Casares

A obra recibiu seis galardóns na gala de entrega dos XXX Premios María Casares

PREMIOS-MARIA-CASARES-PREMIADAS-MARIA-CASARES-2026-©-La-Diapo

Coruña, 09/04/2026 –  O teatro galego celebrou esta noite a gala de entrega dos XXX Premios de Teatro María Casares. A emotividade foi a nota predominante e a obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, erixiuse como a gran gañadora da edición ao acadar un total de seis galardóns.

A peza de Ibuprofeno Teatro, que partía como a gran favorita con 11 candidaturas, redondeou a súa noite cos premios ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección (S. Cortegoso, C. Álvarez-Ossorio e N. Feijoo), Mellor Texto Orixinal (Santiago Cortegoso), Mellor Espazo Sonoro (Alonso Caxade), Mellor Actor Secundario (Fran Lareu) e Mellor Actriz Secundaria (Cristina Collazo).

Xunto ao éxito de Reconversión, a 30ª edición dos premios María Casares recoñeceu o talento de diversas propostas que marcaron a temporada escénica. A serie clopen, produción do Centro Dramático Galego, alzouse con dous premios: Mellor Actriz Protagonista para Natalia Pajarito e Mellor Dirección de Movemento para Marta Alonso Tejada. Pola súa banda, TROMSØ, de Morraoconto, tamén logrou un dobrete nos apartados técnicos, levando os trofeos de Mellor Espazo Escénico e Mellor Iluminación.

O premio ao Mellor Actor Protagonista foi para Fran Lareu polo seu traballo en Un tal Romeo (aRamboia), quen asinou así un dobrete persoal na mesma noite ao gañar tamén o de actor secundario con Reconversión.

Nas categorías dirixidas ao público familiar, Berenguela na gaiola (Galeatro e Xarope Tulú) foi nomeado Mellor Espectáculo Infantil e levou tamén o de Adaptación/Tradución, mentres que A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica (Tanxarina) gañou como Mellor Espectáculo de Monicreques.

PREMIOS-MARIA-CASARES-MELLOR-ESPECTACULO-RECONVERSION-DE-IBUPROFENO-©-La-Diapo
PREMIOS-MARIA-CASARES-MELLOR-ESPECTACULO-RECONVERSION-DE-IBUPROFENO-©-La-Diapo

A voz do sector nos premios María Casares

A presidenta da AAAG, Eva Fórneas, abriu a gala tomando a palabra en nome da Xunta Directiva para facer balance destes trinta anos de premios e tender a mirada cara ao futuro do teatro galego. Fórneas subliñou o avance das estruturas profesionais do sector, pero advertiu dunha preocupación central: “Non nos cansaremos de repetir neste escenario que as institucións públicas deben poñerse a traballar XA para reverter a situación de hexemonía do castelán”.

A presidenta tamén chamou a atención sobre a relación do sector coas institucións, reclamando un acompañamento real e non meramente simbólico. Fórneas advertiu da instrumentalización do traballo das profesionais nos medios públicos e pediu mesura e respecto: “Precisamos que estean con nós, que nos acompañen, sí, mesmo que se fotografíen con nós, pero con decoro, con medida”. Fórneas lembrou ademais que a función pública ten obrigas co sector e non fai ningún favor: “non nos agasallan con nada”.

Eva Fórneas no discurso

Fórneas rematou o seu discurso cun chamamento á resistencia colectiva fronte ao auxe da ultradereita e os discursos de odio: “Temos o deber de afirmar rotundamente que non daremos un paso atrás nos dereitos acadados”, e apoiouse nas palabras do director e dramaturgo Oskar Eustis para lembrar o papel esencial do teatro: “unha arte que exercita o músculo da empatía posiblemente coma ningunha outra”.

Unha gala entre a verbena e o poema: festexar a Manuel Lourenzo

Baixo a dirección de Gloria Rico, a gala tivo como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico actor e dramaturgo galego finado o pasado verán e Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997.

O espectáculo fuxiu da melancolía para converterse nunha celebración de marcada simboloxía: un escenario coroado por unha esfera, o azul do Valadouro e as doas tradicionais integradas nunha estética de festa popular.

A velada arrincou co acordeón de Sabela Dacal e unha vibrante cumbia coa que o elenco, Arantza Villar, Carlos Mosquera “Mos”, María Barcala e Roberto Leal,  entrou dende o patio de butacas. O xogo escénico alternou momentos de humor, como o brinde inicial con latas de cervexa, con pasaxes de alta carga poética, como a lectura multilingüe de textos de Lourenzo en galego e francés ou o emocionante poema homenaxe recitado baixo o foco dun canón no centro do escenario. Un dos momentos máis sobrecolledores foi o In Memoriam, onde a música de “Oxalá estiveras aquí” acompañou o recordo dos compañeiros finados en 2025.

Reivindicación e compromiso: o teatro como “chave”

Un dos momentos máis solemnes foi a lectura do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro 2026, escrito polo activista e docente Carlos Callón. No seu texto, Callón percorreu a historia de persecución da nosa lingua nos escenarios para reivindicar o teatro como unha “chave decisiva” para revitalizar o idioma hoxe en día. O autor fixo un chamamento a pasar da “caricatura ao suxeito” e pechou a súa proclama cun unánime “Viva o Teatro Galego!”.

A AAAG entregou o seu recoñecemento especial, o Premio de Honra Marisa Soto, á actriz e activista Luma Gómez. O acto contou coa presenza de autoridades como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o subdelegado do Governo, Julio Abalde; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, entre outros representantes institucionais.

Xunta Directiva AAAG e Luma Gómez

A festa rematou coa canción “Eu son Feliz” e un brinde colectivo de premiados e equipo técnico sobre as táboas do Rosalía, selando unha noite que reafirma os María Casares como o gran referente das artes escénicas en Galicia.

Listaxe de Candidaturas Premiadas

IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6)

Mellor espectáculo

Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo

Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso

Mellor actor secundario: Fran Lareu

Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo

Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade

CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2)

Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito

Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada

MORRAOCONTO: TROMSØ (2)

Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro “Coti”

Mellor iluminación: José Faro “Coti”

GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2)

Mellor espectáculo infantil

Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira

ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1)

Mellor actor protagonista: Fran Lareu

TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1)

Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1)

Mellor vestiario: Carolina Díguele

ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1)

Mellor maquillaxe: Ártika Cía

Sobre os XXX Premios de Teatro María Casares

Os XXX Premios de Teatro María Casares, organizados pola AAAG, contan coa colaboración de institucións e entidades como Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello da Coruña, Fundación AISGE e Gadisa.

Post navigation

Previous: “Castelao grafista” en Negreira
Next: Reclaman un plan de rehabilitación para o paseo fluvial de Bertamiráns en Ames

Máis novas

Un momento do último Consello de Goberno da USC
5 minutes read
  • Xeral

A convivencia interxeneracional un dos eixos do plan de vivenda de estudantes da USC

José Antonio Domené solista na entrega do Portus Apostoli no Harp Fest de Noia
5 minutes read
  • Xeral

O arpista José Antonio Domené súmase ao Noia Harp Fest

Unha imaxe da última edición do WOS Festival
3 minutes read
  • Xeral

Primeiras confirmacións no WOS Festival 2026

Vehículos de emerxencias nunha intervención
2 minutes read
  • Teo

Teo homologa o Plan de Emerxencias Municipal

Imaxe da Ponte Maceira nas Noites en Vela nuha edición pasada
3 minutes read
  • Xeral

Hoxe chegan as Noites en Vela de Ponte Maceira

Imaxe aérea de Bertamiráns, imaxe de Google Maps
2 minutes read
  • Ames

Alertan da inseguridade en Bertamiráns, Ames

O desenvolvemento de novos fármacos é un proceso longo e complexo. A galega Celtarys, radicada en Compostela, ven de presentar unha tecnoloxía que reduciría o tempo necesario, substituíndo sustancias radioactivas por solucións máis accesibles, sustentables e utilizables en calquera laboratorio.
4 minutes read
  • Xeral

A galega Celtarys desenvolve unha nova tecnoloxía para a validación de fármacos sen radiación

Cartel do festival Lanzadeira 2026
4 minutes read
  • Compostela

Maneiro artista invitado este sábado no Festival Lanzadeira

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2082) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2774) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (613) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1429) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1617) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (812) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (728) Politica (942) saúde (528) Servizos (2674) sindicatos (109) Social (552) sucesos (129) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (692) Turismo (222) Universidade (581) urbanismo (260) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.