Skip to content
Lindeiros

Lindeiros

Lindeiros, o xornal da bisbarra de Compostela e da súa capital,

Primary Menu
  • Xeral
  • Axenda
  • Concellos
  • Contacta
  • A Baña
  • Axenda
  • Xeral

XXII Festa da Filloa da Pedra na Baña

A Baña presenta a XXII Festa da Filloa da Pedra na praza de Abastos de Santiago

A aula de actividades da Praza de Abastos de Compostela acolleu a presentación da XXII Festa da Filloa da Pedra na Baña. Unha cita que terá lugar o vindeiro 8 de febreiro e na que as actividades sucederanse ao longo de toda a xornada.

A concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía da Baña, Mónica González, foi a encargada de debullar os detalles dunha nova edición da Festa da Filloa A Pedra “referente gastronómico e cultural de Galicia” e que contará coa actuación do recoñecido grupo De Ninghures como un dos grandes atractivos da xornada.

Foto de familia das autoridades coas filloeiras tras a presentaci´on

A presentación contou cun showcooking en directo a cargo das mestras filloeiras Elena López e Nieves Martínez, que elaboraron filloas da pedra ante o público asistente, amosando unha técnica que forma parte do patrimonio inmaterial da Baña.

Durante o acto deuse tamén a coñecer o merchandising oficial da Festa da Filloa da Pedra “un proxecto cun marcado carácter social deseñado, ao igual que o cartel desta edición, dende a Fundación para a Protección dos Discapacitados Psíquicos da Comarca de Barcala, reforzando así o compromiso do Concello coa inclusión e coa economía social”.

Monica González repartiu pulseiras entre os asistentes á presentación

A directora da entidade, Rosa Tuñas, e Jennifer Riveira, autora do deseño, explicaron que as persoas usuarias da fundación participaron na elaboración de todos os produtos, que se poderán adquirir tanto no posto que se habilitará o día da festa como a través do correo electrónico fundacionnegreira@gmail.com

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, asistiu á presentación acompañado polo concelleira de Obras Jesús Pena; membros do grupo popular bañense; Hadrián García, integrante do grupo De Ninghures; e o director da Escola de Música Tradicional da Baña, Emilio Lois.

Unha xornada chea de citas

Na presentación detallouse o amplo programa previsto para o domingo 8 de febreiro, unha xornada na que A Baña será o epicentro gastronómico e festivo da comarca. A festa comezará ás 09.30 horas coa apertura de portas e o inicio das degustacións. O prezo da filloa será de 1,5 euros, mentres que as racións de orella e chourizo terán un custo de 6 euros.

Hadrián García, da banda De Ninghures, tamén estivo na presentación

A programación combina propostas gastronómicas, deportivas e culturais, como a celebración da segunda Ruta Ciclista da Filloa (con saída ás 10.00 horas), ou os obradoiros gratuítos de treboada (11.00 h) e de cestería tradicional (12.15 h), pensados para poñer en valor os saberes tradicionais.

“O itinerario deste ano é moi completo. A nosa idea é que as persoas que se acheguen á Baña non veñan só a comer a filloa, que iso está moi ben e é un dos obxectivos, senón que poidan desfrutar doutros aspectos culturais. Todo o programa está moi enfocado á recuperación de oficios tradicionais e de elementos propios da nosa contorna”, destacou a concelleira.

Neste senso, explicou que o obradoiro de cestería, impartido por Luis do Río, está a espertar un notable interese: “Na nosa zona era moi habitual a elaboración de cestos con vimbio, e hoxe en día custa atopar persoas que manteñan viva esta tradición. Agardamos que esta actividade sirva tamén para que a xente máis nova se anime a recuperar este tipo de artesanía”.

A deseñadora Jennifer Riveira (esquerda) e a directora da Fundación de Discapacitados Psíquicos de Barcala, Rosa Tuñas, presentaron o merchandising da Festa da Filloa

Destaca tamén o obradoiro de treboada, “unha tradición do Baixo Miño nacida do grupo musical do mesmo nome, que emprega tambores de distintos tipos acompañados da gaita. Nós achegaremos os instrumentos e a todas as persoas que queiran participar ensinaráselles como tocar e como realizar un pequeno pasarrúas”. A actividade desenvolverase na carpa habilitada no colexio.

A música tradicional terá un papel destacado coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e As Atrevidas de Monte ás 12.00 horas, mentres que o momento institucional chegará co pregón do escritor bañense Manuel Iglesias Turnes, previsto para as 13.30 horas.

Fin de festa con De Ninghures

Xa pola tarde, a festa continuará cun animado tardeo musical a partir das 14.00 horas a cargo do Trío Alborada, Bouba e A Requinta de Lampai, para culminar, ás 19.00 horas, co concerto de De Ninghures, un dos pratos fortes desta edición.

A banda destaca por fusionar a música tradicional galega con sons actuais e unha proposta escénica moi traballada, o que a converte nun dos proxectos máis atractivos do panorama musical galego que conquista públicos de todas as idades.

Coa XXII Festa da Filloa da Pedra, segundo indicou Mónica González, ““o Concello da Baña reafirma o seu compromiso coa defensa das tradicións, a promoción da gastronomía local e a dinamización cultural e social do municipio”, consolidando unha cita que cada ano reúne a centos de persoas arredor dun dos símbolos máis recoñecidos da identidade bañense.

Post navigation

Previous: Touro mestura Entroido e música urbana
Next: Preocupación en Compostela polo “menudeo” de droga

Máis novas

compostela feiito a man 4 agosto 2026
4 minutes read
  • Axenda

Comeza o XXIII edición do Feito a Man

compostela festival c 4 agosto 2026
3 minutes read
  • Axenda

O Festival C enche Compostela

TOURO VEST VERA 1 AGOSTO 2026
2 minutes read
  • Xeral

Noites no Ulla, a edición de verán de Ulla Fest

Ponte de San Lázaro Noia
2 minutes read
  • Xeral

Noia renovará a ponte peonil de San Lázaro

compostela centro mercadprias 31 xullo 2026
6 minutes read
  • Compostela

Nova etapa en Compostela na distribución de mercadorías

frades pleno xullo 31 xullo 2026
4 minutes read
  • Frades

Frades destina 95.000 euros de fondos propios a mellora de pistas

teo pleno extraordinario sobre o concello slide 1 setembro 2025.jpeg
3 minutes read
  • Teo

Teo aproba definitivamente os cambios no PXOM

compostela demandantes de vivenda 24 outubro 2018_slide
8 minutes read
  • Xeral

Compostela xa é unha zona de mercado residencial tensionado

Etiquetas

25N (53) alcaldes (78) asociacións e fundacións (2084) Ciencia (115) Comercio e empresa (662) Coronavirus (278) Crechas (38) Cultura (2787) Curtocircuito (40) Deportes (749) Economía (449) Educación (771) eleccions (44) Emprego (241) Entroido (42) Festas e Feiras (619) Festivais (835) Galego (143) Institucións (1430) lixo (88) Mancomunidade de Ordes (45) Mandingo (92) Medio Ambiente (1618) muller (187) Nadal (200) Obradoiro Cab (79) o máis lido da semana (55) Patrimonio (816) Plataforma Casalonga limpa de residuos (81) Plataforma Veciñal Mina Touro O Pino NON (42) Plenos (730) Politica (942) saúde (529) Servizos (2682) sindicatos (109) Social (561) sucesos (130) Tabernalia (184) Tecnoloxía (46) Transporte e estradas (694) Turismo (222) Universidade (582) urbanismo (264) xuntas de goberno (37) Xustiza (120)
  • Facebook
  • X
  • Instagram
  • BSky
  • Youtube
  • Whatsapp
Copyright © 2026 All rights reserved. | MoreNews by AF themes.

We use our own and third-party cookies to ensure the website works properly, measure usage, and improve our services. You can accept all cookies, reject non-essential cookies, or configure your preferences. Cookie policy

Configure cookies

Required for the website to work correctly. They cannot be disabled from this panel.

Help measure site usage and improve its content.

Allow advertising, campaign measurement, or ad personalization.

Store preferences or enable non-essential external content.