Teo, 6 de agosto do 2021 – A Xunta non considera que a veciñanza da Casalonga sexa parte interesada no expediente de restauración da canteira de Teo.
Foron máis de 600 as peticións de persoamento como parte interesada presentadas por rexistro. Agora a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos está coñecendo polos veciños que están sendo todas denegadas.
Nas respostas, asinadas polo xefe de servizo de Enerxía e Minas, a Xunta pon en dúbida o interese particular da veciñanza nun expediente no que, segundo o escrito, “non se decide ningunha cousa con respecto ás actividades a desenvolver na canteira que poda (sic) afectar a uns supostos intereses lexítimos do solicitante”.
Outra das razóns que a Xunta argumenta para denegar a solicitude é a non acreditación de documentación que demostre a residencia próxima á canteira. Casalonga Limpa de Residuos valora esta solicitude extraordinaria como unha maneira de “facer desistir á veciñanza nas súas lexítimas reivindicacións mediante un afogo burocrático que se manifesta na petición dunha documentación innecesaria e facilmente comprobable por parte da Xunta”.
A Plataforma da Casalonga non entende que a Xunta lle denegue “a veciñanza non só o poder de coñecemento e decisión sobre o que acontecerá a carón das súas casas, senón a propia calidade de afectados ao poñer en dúbida a lexitimidade dos seus intereses”.
