Compostela, 7 de abril do 2017 – O Consello da Xunta aprobou a proposta de acordo polo que se autoriza a prórroga para o ano 2018 do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Santiago.
Grazas a este acordo garántese a continuidade dun plan que supón importantes aforros económicos para os usuarios.
O Executivo autonómico achegará na área compostelá máis de 1,48 millóns de euros para manter en funcionamento en 2018 o Plan de Transporte Metropolitano de Santiago, nunha zona na que o pasado exercicio permitiu bonificar preto de 2,7 millóns de viaxes en autobús.
A achega do Goberno galego destínase a financiar o 80% dos descontos que se aplican nos billetes interurbanos e a financiar o 100% do custo dos transbordos co autobús urbano, que son gratuítos.
Grazas á renovación deste acordo, manterase a vixencia o billete único que bonifica o custo dos transbordos, premia o uso recorrente e no que se aplican descontos adicionais a membros de familias numerosas.
Neste Plan, o Goberno galego contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e aos concellos participantes correspóndelles aportar o 20% restante. Así mesmo, a Xunta contribúe coa bonificación do 100% dos transbordos e cos descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e ás familias numerosas, cun 20% ou 50% segundo se ten tres ou máis fillos.
A Área de Transporte Metropolitano de Santiago está integrada por un total de 18 concellos: A Baña, A Estrada, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.
Tarxeta Xente Nova
Actualmente, máis de 34.000 mozos menores de 19 anos viaxan gratis grazas á Tarxeta Xente Nova, implantada o ano pasado e que bonifica as viaxes no transporte metropolitano no 100% do custo ata os 18 anos, unha medida que contribúe a incrementar os aforros dos galegos onde está implantado o Transporte Metropolitano. En concreto, na Área de Transporte Metropolitana de Santiago distribuíronse máis de 6.100.
O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.