Bisbarra, 12 de setembro do 2023 – A Xunta comeza esta semana novos traballos de limpeza na autovía AG-58 do acceso a Cacheiras, no concello do Teo.
Tamén, na provincia da Coruña, seguirán en execución as actuacións xa en marcha na vía de altas prestacións CG-1.5 en Brión e Noia. Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 M€ para os dous próximos anos.
As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.