Compostela, 3 de outubro do 2023 – Unha reunión “cordial e produtiva” para a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, á que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, engadiu os adxectivos “construtiva e operativa”, o que, tendo en conta os días previos, supón un clima excepcional.
A confrontación que algúns esperaban non apareceu por ningures escoitando aos protagonistas da reunión. Non saíron xuntos para dar unha única rolda de prensa pero os cambios nunca son de golpe e soen darse a modo. De feito os avances explicados terán que constatarse nos vindeiros meses.
Taxa turística
A taxa turística é case o único tema no que se concreta algo. Será exclusiva de Santiago ao ser a única cidade que a solicitou. Desde a Xunta pídese máis concreción nos datos, que sexa recadada polo concello e que se consensúe co sector. Se se dan estás condicións o goberno galego apoiará a iniciativa. O ampliación do estudo que abale a taxa será financiado dentro do Plan de sustentabilidade turística de Santiago que será ampliado dada a súa baixa execución.
Vivenda
Dous apartados da reunión teñen que ver coa vivenda. Por un lado Alfonso Rueda mostrouse disposto a incluír, na Lei de Acompañamento dos Orzamentos da Xunta, a definición de vivenda baleira se a que realice o goberno central non é suficiente.
Por outra banda a Xunta cederá a parcela situada ao carón da biblioteca Anxel Casal para equipamento público e a cambio o concello oferta solares en San Lázaro, Cancelas e Volta do Castro para a construción de vivenda pública.
Estatuto de capitalidade
Este será un tema que seguirá nos vindeiros meses sobre a mesa. Acordaron que se reunirá o Consello de Capitalidade e que este organismo analizará o informe presentado polo equipo de goberno. O presidente da Xunta avanzoulle a alcaldesa as cifras coas que non estaba de acordo e “tamén os beneficios e os gastos que lle supón á Xunta de Galicia a presencia en Santiago de Compostela”.
En todo caso a intención e comparar as cifras que manexan as dúas institucións desde un punto de vista técnico e chegar a un acordo que se reflicte nos orzamentos do 2025.
En canto á achega ao Consorcio, o titular da Xunta comprometeuse a aumentar a partida para o ente interadministrativo se así o fai tamén o goberno central. Sanmartín fixo fincapé na necesidade da abordar obras de carácter urxente no Pazo de Congresos “aproveitando que o Consorcio xa vai intervir sobre a cuberta” ou no complexo de Bonaval.
Infraestruturas e equipamentos
No capítulo de infraestruturas e equipamento, Rueda comprometeuse a estudar a ampliación do conservatorio de música e a creación da escola infantil en Santa Marta. “Tamén houbo moi boa receptividade para que sexa unha realidade canto antes o parque de Bombeiros”, indicou Sanmartín. Con este obxectivo, reunirase canto antes a comisión tripartita “para poder iniciar o proceso de comezo das obras”.
Mobilidade no CHUS
En canto ao aparcadoiro do CHUS, Rueda confirmou que o estudo de mobilidade xa está rematado e “acordouse ter unha xuntanza o antes posible” para que a Xunta presente o plan dende unha perspectiva técnica e estudar “cales son as fórmulas para que poida haber ese aparcadoiro no CHUS unha vez que sabemos que coa ampliación vai haber máis problemas de aparcamento”, lembrou Sanmartín.