Bisbarra, 24 de xaneiro do 2024 – Augas de Galicia ven de comunicar á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, a retirada do apoio ao “Proxecto Ríos” que este ano chegaría a súa vixésima edición.
A Directora de Augas de Galicia, Teresa Gutierrez, comunicoullo ao presidente de ADEGA, Roi Cuba. O “Proxecto Ríos” desenvolve cada ano actividades educativas e divulgativas para máis de 6.000 voluntarios, centos de centros ensino, e ducias de asociacións de todo tipo.
A decisión de Augas de Galicia parece ser definitiva, deixando nun estado de incerteza o futuro do Proxecto Ríos. Neste senso, ADEGA comprométese a seguir loitando pola continuidade deste proxecto educativo singular procurando o apoio doutras institucións que realmente apostan pola Educación e o Voluntariado ambiental.
Trátase da iniciativa máis importante de concienciación medioambiental en Galicia e coa que habitualmente colaboran universidades e concellos. Tamén foi o primeiro programa de educación ambiental de Galiza que implementou a “Ciencia cidadá”, nome baixo o que se amparan todas aquelas iniciativas que favorecen a participación da cidadanía na investigación científica.
Nos últimos 20 anos mobilizou a milleiros de persoas no estudo, conservación e defensa dos ríos, a través de 40 cursos de formación, 1000 saídas formativas con diversas entidades, ademais doutras actividades divulgativas e de recollida de residuos como a campaña Móllate polos Ríos, na que cada ano dende hai xa dezaseis participan unha media mil persoas.
Un traballo que derivaba ademais na creación de diversos materiais educativos e divulgativos sobre os valores naturais e sociais que posúen os ríos galegos, cuxo uso se popularizou nos ámbitos educativos.
A retirada do apoio a Proxecto Ríos deixa sen efecto o único acordo de colaboración que mantiña a Xunta coa asociación ecoloxista ADEGA a prol da sensibilización ambiental da cidadanía galega.
ADEGA considera que se trata dun ataque directo polo posicionamento da asociación na crise dos plásticos “Os últimos acontecementos xunto coas precedentes negativas de recibir a ADEGA por parte do Conselleiro de Cultura e Educación, da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e da Directora Xeral de Voluntariado, fan pensar que a Xunta de Rueda está a tomar represalias contra ADEGA por ser crítica coa xestión do goberno galego en áreas políticas de especial impacto ambiental, como pode ser a enerxética ou a forestal”.
A Xunta non da soporte ao voluntariado ambiental
ADEGA informa ademais de que a Xunta non dará soporte ao voluntariado ambiental na limpeza das praias, ás que seguen chegando pelets. A asociación pediu a pasada semana, á Xunta de Galicia, apoio para poder abordar con suficientes garantías a xestión, coordinación e formación de cerca de 2000 persoas que se ofrecían voluntarias para limpar as praias.
En aquel momento segundo adega a Conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, acompañada das directoras xerais de Patrimonio Natural e Calidade Ambiental, comprometeuse con ADEGA a procurar unha fórmula de colaboración xunto coa Dirección Xeral de Voluntariado, coa cal ADEGA xa tiña previsto reunirse o 18 de xaneiro.
ADEGA explica que ao día seguinte da xuntanza “a Consellaría de Medio Ambiente comunicaba en rolda de prensa que a Xunta xa tiña en activo nos areais galegos uns 60 formadores de voluntarios, alén de atribuírlle á súa administración o mérito de ter recollido desde o día 10 de xaneiro o equivalente a 99 sacos de pelets dos que transportaba o Toconao”.
Posteriormente o xornal “EL Salto Diario” publicaba que a Xunta de Galicia contratara a unha empresa de marketing, vinculada ao PP, para a limpeza dos pelets. O día da publicación a Directora Xeral de Voluntariado anulaba a reunión prevista con ADEGA por “motivos persoais”.
Para a asociación ecoloxista a Xunta estase saltando a normativa galega de voluntariado. A norma obriga á administración galega a dar cobertura á promoción, formación e apoio ás accións de voluntariado ambiental e a que a formación do voluntariado sexa impartida “por persoas de recoñecida competencia vinculadas preferentemente coa xestión de acción voluntaria”.