A xunta de Galicia autoriza a repotenciación voluntaria de nove parques eólicos. A medida implica a redución de 25 a 4 aeroxeradores situados en Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra.

Ao mesmo tempo que nos xulgados decenas de proxectos eólicos son paralizados cautelarmente por diversas causas aparecen opcións de redución de aeroxeradores nos parques xa abertos. Non só se reducirán o número de máquinas, a potencia que se emite aumenta e as emisións diminúen.
Tal vez sexa o momento de abrir un debate, outro máis, sobre si os proxectos eólicos solicitados e paralizados ademais de estar en espazos a protexer son todo o eficientes que a tecnoloxía permite. Non sería lóxico iniciar proxectos que en pouco tempo teñan que ser renovados tecnoloxicamente.
Unha oportunidade na bisbarra
A Xunta de Galicia completou esta semana os trámites para a autorización dos nove proxectos de repotenciación voluntaria de parques eólicos. As solicitudes foron recibidas entre finais de 2023 e comezos de 2024 e permitirán suprimir 286 aeroxeradores do territorio galego así como, coa mesma potencia, incrementar un 35 % a produción de enerxía renovable.
Trátase dun procedemento que destacou pola súa axilidade pois os prazos de autorización administrativa acurtáronse considerablemente, completándose en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo e cumprindo así co mandato comunitario de axilizar as xestións e garantir que non se alongan máis de dous anos.
Os oito primeiros proxectos foron autorizados nos últimos meses e a autorización do noveno (o parque eólico Castelo) foi asinada a pasada semana pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.
Ao abeiro desta iniciativa, que afecta aos concellos coruñeses de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra, eliminaranse un total de 21 aeroxeradores (pasando de 25 a 4) cun investimento de arredor de 23,5 millóns de euros.
O promotor desmantelará os 25 aeroxeradores instalados neste parque e restaurará tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso. A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Castelo suporá ademais a instalación de catro novos aeroxeradores e dunha liña eléctrica soterrada e a enerxía procedente do parque eólico recollerase nunha subestación transformadora próxima.
As nove repotenciacións permitirán reducir de 361 aeroxeradores a 75 os instalados na área de influencia destes parques e mellorar a súa eficiencia pola substitución das máquinas instaladas por outras máis modernas, de forma que con moitos menos aeroxeradores se poida garantir practicamente a mesma potencia e incluso incrementar de maneira substancial a produción renovable.
Estímase que unha vez realizadas as melloras, estes nove parques eólicos pasarán de xerar 615.000 MWh/ano a 828.000 MWh/ano, o que equivale ao consumo eléctrico de máis de 230.000 familias (máis que a poboación da cidade da Coruña).
A este beneficio engádese o ambiental, pois estas repotenciacións evitarán a emisión de máis de 100.000 toneladas de dióxido de carbono ( CO2) á atmosfera tras un investimento de 321 millóns de euros, dos que preto de 55 millóns de euros se corresponden con fondos europeos.