Bisbarra, 25 de xaneiro do 2023 – O parque eólico de Alvite ven de ser paralizado pola Dirección xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia.
A Consellería de Medio Ambiente da Xunta frea a tramitación do parque de Alvite por distintas circunstancias. A máis destacable o alto nivel de ocupación en canto a número de aeroxeradores existentes na zona. O proxecto sitúase nos límites dos concellos de Negreira, Mazaricos e Santa Comba.
Segundo os informes a construción do parque crearía o chamado efecto pantalla ou de barreira para a avifauna e para o mantemento do hábitat natural da zona. A declaración de impacto ambiental desfavorable data do pasado día 19 de xaneiro.
![](https://lindeiros.net/wp-content/uploads/2023/01/negreira-paralizacion-parque-eolico-normal-25-xaneiro-2023_r.jpg)
O parque eólico Alvite tiña proxectado nove aeroxeradores, con 40,5 megawatts de potencia e un investimento de 32 millóns de euros por parte da empresa promotora, Green Capital Power, do grupo madrileño Capital Energy.
Por outra banda o parque eólico Alvite II si consigue a declaración favorable. A DIA asinada pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, María Sagrario Pérez Castellanos, resolve dicindo que “é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo do documento”.
Anteriormente, tamén foron informados favorablemente outros dous parques eólicos con afectación na mesma zona. Trátase dos proxectos Banzas (nove aeroxeradores) e compartido con Outes e Mazaricos, e Troitomil (cinco aeroxeradores), maiormente en territorio da Baña, e con afectación dun aeroxerador en Negreira.