Boqueixón, 21 de xuño do 2022 – Camporrapado en Boqueixón recibiu a visita do Delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, que anunciou máis de setecentos mil euros de investimento nos polígonos industriais da bisbarra de Compostela.
Na visita ao de Camporrapado, Trenor estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, e polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias. Este espazo recibirá un investimento de cento cincuenta mil euros co fin de mellorar os viarios perimetrais.
O representante do Goberno galego lembrou que o ano pasado no polígono de Sergude tamén se levou a cabo un investimento de máis de 60.000 euros cun apoio da Xunta de máis de 48.000 euros para levar a cabo a mellora na xestión dos seus residuos.
Melloras nos polígonos da bisbarra
Gonalo Trenor informou que a Xunta apoiará a sete polígonos industriais da bisbarra de Santiago cun investimento de máis de 786.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas. O representante da Xunta destacou que se realizarán melloras nas áreas de Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Santa Comba, Val do Dubra e Boqueixón.
Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende resolver distintas carencias e necesidades en servizos e comunicacións dos chans industriais. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25%.
En canto aos viveiros industriais, Trenor lembrou que se apoiará a creación dun novo espazo en Val do Dubra cunha axuda de 240.000 euros co obxectivo de favorecer o nacemento de novas empresas ademais de axudar nas súas primeiras etapas de actividade.
A este Concello se lle concedeu ademais outro apoio na orde de parques empresariais de 117.000 euros para mellorar os accesos á súa parcela de equipamentos. Nesta liña a axuda máxima é de 240.000 euros e os beneficiarios tamén poderán obter anticipos do 25%.
Estas dúas liñas de apoio buscan mellorar a competitividade das áreas empresariais e captar investimentos en Galicia. As subvencións entran dentro da polítca impulsada pola Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.