Bisbarra, 18 de decembro do 2023 – A Xunta de Galicia por medio de Augas de Galicia está acometendo a limpeza dos treitos interurbanos de tres ríos e un rego de Teo.
Os traballos estanse a desenvolver no río Tinto, no rego da Auga e en dous ríos sen nome. Os cursos de auda discorren polas parroquias de Cacheiras, Calo e Luou.
Os treitos dos ríos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 400 metros. As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e as súas zonas de acceso e protección.
Os traballos contribúen a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.