Lousame, 24 de maio do 2018 – A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, celebra o anuncio da declaración de impacto ambiental negativa sobre o proxecto de instalación dunha planta de xestión de residuos e vertedoiro no municipio, presentado por Gestora de Residuos del Noroeste.
Villaverde asegura que o anuncio da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático denegando o permiso a planta de xestión de residuos “danos á razón ao Concello de Lousame cando presentamos un informe técnico fundamentado en datos e que demostra que o proxecto tiña graves carencias e era irrespectuoso co noso concello, co noso territorio e coa nosa paisaxe”.
Villaverde celebra que a Consellería de Medio Ambiente “se apoiara no informe elaborado polo Concello de Lousame para emitir esta declaración de impacto ambiental negativa” a un proxecto que cualifica como “irrespectuoso co noso territorio”. Así mesmo, anuncia que o Concello estará vixiante durante os próximos 15 días por se a empresa presentara algún tipo de alegación e reitera que “o importante é que se fixeron as cousas ben, e nos satisfai saber que dende a Xunta contrastaron os informes que lle enviamos dende o Concello”. Neste sentido, lembra que “nós queremos empresas que se instalen en Lousame, pero sempre que sexan respectuosos co noso territorio”.
Detalles do informe
O Concello de Lousame presentara en outubro de 2016 un informe técnico no que recollía os múltiples defectos que contiña este proxecto e que finalmente remataron por botalo atrás. Entre os puntos máis salientables figuran:
Non contempla mananciais de auga que si existen no terreo e só ten en conta o terreo no que se emprazaría a planta, pero non o terreo que o circunda. “Hai unha captación de augas veciñal que din que non existe e que si que está aló”, apunta a alcaldesa, quen lembra que ese regato “é un afluente que vai ao río Vilacoba, e vai á captación na Albariza e desemboca nun Lugar de Interese Comunitario, polo que é grave que non o teñan en conta”.
Non existen medidas correctoras no caso de fallo na impermeabilidade dun espazo de 50.000 m2. O proxecto só contempla pozos de control para detectar se hai contaminación pero non inclúe como corrixilo.
Non busca o menor impacto na paisaxe, xa que vai aos máximos que permite a tecnoloxía.
Ademais de non reflectir captacións de augas sobre o terreo, o proxecto fala dunha rede municipal que non existe.
A fosa de saneamento das instalacións está mal dimensionada, xa que está proxectada para 4 persoas, cando na planta haberá 13 traballadores fixos e quendas doutros 11 traballadores.
Non hai un estudo sobre a fauna e a flora da zona. A referencia que se fai parece sacada dun catálogo calquera, non dun estudo sobre o terreo.