Bisbarra, 25 de novembro do 2022 – O Consello da Xunta aprobou un convenio de colaboración co concello de Frades para dotar de equipamento ao novo Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira.
O Goberno galego realizará unha achega de 32.000 euros, o que representa o 80 % do custo total do equipamento do centro, de case 40.000 euros. Con este acordo concello e Xunta dotarán as diferentes estancias dos elementos precisos para desenvolver as actividades previstas.
O novo centro Sociocomunitario de Ponte Carreira é un local de nova construción que está completamente rematado, pero sen máis equipamento que o correspondente aos aseos. Ao abeiro do convenio adquirirase todo o preciso para a área de recepción, as salas de uso múltiple, a cociña, o almacén e un despacho. A achega da Xunta realizarase en dúas anualidades, a primeira neste ano e outra en 2023.
O convenio enmárcase no apoio do Goberno galego ás administracións locais a prol da mellora dos servizos e das infraestruturas municipais, en especial no caso dos concellos máis pequenos. Trátase así de garantir o equilibrio no territorio, entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, para impulsar o desenvolvemento económico e que a cidadanía teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.
A sinatura destes acordos permite ademais complementar as liñas de axudas postas en marcha pola Xunta para os concellos, como a orde de infraestruturas de uso público ou o Fondo de Compensación Ambiental, dúas medidas que se consolidan nos orzamentos de 2023 cun investimento de 3,5 e 11,3 millóns de euros, respectivamente. Cómpre sinalar que, a maiores, o vindeiro ano se porá en marcha unha liña de apoio á eficiencia enerxética, dotada con 2,6 M€.