Aitor Bouza diante da Escola Oficial de Idiomas de Santiago
Compostela, 10/05/2026 – O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado, Aitor Bouza, anunciou que levará ao Parlamento Galego as demandas da Escola Oficial de Idiomas de Santiago.
O socialista e a Escola Oficial de Idiomas reclaman da Xunta unha ampliación das instalacións e unha mellora da oferta educativa dun centro que considera “importante” para Compostela. Bouza lembrou que o PSdeG leva “varios cursos escolares” escoitando as reivindicacións e advertiu de que se trata dunha demanda sostida no tempo pola comunidade educativa.
O Deputada engadiu que “Xa o fixemos nas últimas emendas aos orzamentos de Galicia”, criticando que o Partido Popular votase en contra das propostas socialistas. Bouza cargou contra a postura de Borja Verea indicando que “como concelleiro xa sabemos que ten unha postura, despois como deputado outra”.

O Secretario dos socialistas compostelás puxo o foco no incremento da demanda da Escola Oficial de Idiomas e advertiu de que o “aumento exponencial da matrícula” evidencia o interese da veciñanza de Compostela e da súa contorna por este tipo de ensinanzas. Así, reclamou á Xunta “esa ampliación dos espazos” da EOI e criticou que “a día de hoxe ten incluso as súas clases de maneira fragmentada e dividida en dous centros diferenciados”, en referencia á docencia que tamén se imparte en San Lázaro.
O deputado socialista defendeu ademais a necesidade de avanzar cara á “reunificación” da actividade docente e reclamou que se amplíen tamén “as linguas que se ensinan” na Escola Oficial de Idiomas.
O dirixente socialista defendeu tamén o papel da ensinanza de idiomas para construír “unha sociedade máis igualitaria” e garantiu que o PSdeG seguirá reclamando medidas para reforzar este tipo de formación pública. Para concluír, avanzou que as e os socialistas esixirán no Parlamento de Galicia que a ampliación da Escola Oficial de Idiomas se faga “tendo en conta á comunidade educativa” e non “de maneira unilateral”, como denunciou que adoita actuar a Consellería de Educación.
