Bisbarra, 20 de xullo do 2023 – A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda denegou a aprobación definitiva do PXOM de Ordes que terá que reducir as súas previsións de crecemento.

Moitos dos concellos de toda a bisbarra optaron no seu día por modificar o PXOM e aprobar un crecemento de vivendas que a burbulla inmobiliaria colocou polas malas na súa xusta medida. O Plan de Ordes ven de ser denegado, en parte, por caer no mesmo erro.
O documento emitido desde a Consellería reduce as previsións de edificabilidade que, cos datos na man, estaban fora de lugar. O concello de Ordes prevé unha media anual de 156 vivendas cando na actualidade non supera as 73. A vila ten ademais case dúas mil vivendas baleiras.
Non se trata só de que o documento busque un crecemento irreal. O documento da Xunta da un bo tirón de orellas que serve ademais de aviso a navegantes xa que lembra que os concellos deben poñer por diante a concentración e non a expansión ocupando espazos naturais sen xustificación.
O documento contén ademais duplicidades, erros en canto a protección de datos, ademais de outras deficiencias. A resolución da Consellería concreta ademais as reducións necesarias en seis chans urbanizables e 121 núcleos rurais.
O BNG pide transparencia
O voceiro do BNG, Pablo Vidal, pídelle ao alcalde, José Luís Martínez Sanjurjo, que “faga un exercicio de transparencia e informe á veciñanza sobre as deficiencias coas que conta o P.X.O.M. de Ordes. Esixindo ademais que se fagan públicos cales van a ser os criterios á hora de emendalas e acometer os recortes”.
Para Vidal, resulta obvio que “esta orde deixa en evidencia ao alcalde dun concello cun goberno municipal en maioría absoluta, que intenta xustificar retrasos na tramitación do P.X.O.M. supostamente para elaborar un documento con seguridade xurídica, que logo a Xunta de Galiza rexeita”. A este respecto, o voceiro nacionalista formula a seguinte pregunta: “¿de verdade fixeron falta mais de sete anos desde a aprobación inicial para este resultado?”.
Desde o BNG apuntan que “no pleno de aprobación provisional e na propia campaña electoral, xa anunciamos que en base ao exposto nos informes sectoriais, o P.X.O.M. non ía obter a aprobación definitiva, por iso formulamos unha abstención, e o tempo acabounos dando a razón”.
Os nacionalistas seguen a manter que “a data escollida para o pleno de aprobación provisional é froito dun cálculo electoral do PP, que antepón os seus intereses aos da veciñanza de Ordes, que está cansa de agardar por un documento fundamental para o futuro do noso concello”.