Bisbarra,3 de setembro do 2024 – O Consello da Xunta aprobou este luns a construción do novo colexio do Milladoiro cun investimento de 9.8 millóns de euros.
O custo do proxecto duplicouse ao longo do proceso de redacción debido ás melloras introducidas e á suba dos produtos. Será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI
O CEIP do Milladoiro será o primeiro centro construído integramente con base nos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta de Galicia. No 2011 construíuse un novo instituto cun investimento de 5,4M €, para dar resposta ao incremento poboacional e a Xunta continúa executando novas actuacións de mellora e ampliación para dar resposta ás necesidades de escolarización dun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia. No concello de Ames está ademais en marcha a ampliación do Colexio CEIP Agro do Muíño, cun orzamento superior aos 3,4M €.
A actuación será contratada pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (a través da Axencia Galega de Infraestruturas) e sufragarase con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos. Unha vez aprobado no Consello da Xunta, licitarase a obra. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025. O obxectivo é que o centro estea operativo no curso 2026/27.
Adaptado ao século XXI
O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie total construída de 4.886m² distribuída en dous andares, o colexio contará con seis aulas de infantil e 12 de primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxaría, local para a anpa etc.) comedor e zonas de servizos comúns.
De acordo co establecido no Plan de nova arquitectura pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de primaria e as de desdobramento, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.
Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, en que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.
Totalmente accesible
A accesibilidade do edificio formúlase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación máis sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.
Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia do edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.