Bisbarra, 4 de xaneiro do 2023 – Sométese a exposición pública un eixe de mobilidade que conectará O Milladoiro con San Caetano pasando polo Clínico e a Intermodal.
Trátase dun proxecto cun investimento previsto de 12 millóns de euros. Unha proposta que conectaría o Milladoiro cos principais puntos de interese de xeito peonil ou ciclista. Unha vella demanda dos veciños do núcleo amesá.
Un proxecto demorado
Hai anos que os veciños do Milladoiro piden a conexión peonil con Compostela. No 2019 tamén o facía a asociación ciclista Composcleta. No mes de decembro do 2020 o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o de Ames, en aquel momento José Miñones, falaban de que estivera operativa no 2021. En marzo de este ano de novos os alcaldes de Santiago e Ames, agora xa Blas García, volvían a poñer sobre a mesa a unión da rotonda de Volta do Castro coa do Milladoiro. Rematado xa o 2022 chega agora o ambicioso proxecto da Xunta de Galicia.
13 kilómetros
Executarase un eixe de case 13 km, cun primeiro tramo entre O Milladoiro e a estación intermodal, un segundo entre a terminal e o complexo administrativo San Caetano e o terceiro de acceso ao Hospital de Santiago
Os responsables falan dunha “estrada para peóns e ciclistas” de novo trazado, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado. A iniciativa promóvese ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation e ten como obxectivo favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.
3 treitos
O eixe de mobilidade sustentable consta de tres tramos, correspondéndose o primeiro coa conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal, que contará cun orzamento de case 7,8M€.
A senda, de 5,9 km de lonxitude, comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcamento de Agro do Medio, e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixo Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de ADIF e conectando coa rúa Virxe do Rial.
A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entra no antigo túnel de ADIF, que será obxecto de acondicionamento e continúa polo Banquete de Conxo, o parque de o Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.
O segundo treito da senda partirá da rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, e finalizará en San Caetano, cunha lonxitude de 5,9 km e un orzamento de 2,8M€.
Entre as actuacións previstas están o acondicionamento dos treitos actuais, aos que se lle dará continuidade nas partes que non os hai, ao longo da marxe sur da liña do ferrocarril, ata a rúa Fontes do Sar. No percorrido, cruzarase o río Sar, que se acondicionará nese punto para permitir un cruce seguro.
Ademais proxéctase o cruzamento da SC-20 aproveitando o paso inferior da rúa Fontes do Sar, para subir polas rúas de Fontiñas, coincidindo coa ruta Eurovelo ata o nó de Concheiros, recentemente remodelado e xa nas proximidades do complexo administrativo da Xunta. A maiores, como itinerario alternativo para peóns, máis curto pero de maior pendente, proponse a avenida de Lugo, polo que se mellorará o paso inferior baixo a SC-20 á altura da rúa Batalla de Conxo.
En terceiro lugar, proponse unha conexión que permita alcanzar o hospital universitario de Santiago desde o novo eixe de mobilidade sustentable entre O Milladoiro e a intermodal. Esta actuación require dun orzamento de máis de 1M€.
O itinerario consta de aproximadamente 1.130 m de lonxitude, dividido en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de ADIF e o río Sar; o segundo, ata o aparcamento disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.