Bisbarra, 9 de xuño do 2023 – O Consello da Xunta de Galicia ven de autorizar este xoves a cesión ao concello de Brión dun tramo da estrada autonómica Ac-543.
O acordo fora asinado no mes de xaneiro pola Conselleira de infraestruturas, Ethel Vazquez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, pero non foi ata este xoves cando a Xunta dou a autorización definitiva. O investimento previsto para a humanización da vía supera os 600.000 euros.
A estrada AC-543 atende agora unha mobilidade de carácter local, tras a apertura da autovía Santiago-Brión, a AG-56, e a súa continuación ata Noia como vía de altas prestacións..
En canto ás actuacións recollidas no convenio asinado entre ambas as administracións, a Xunta asumirá o 70 % do financiamento das obras, achegando preto de 424.000 euros, e o Concello completará o investimento restante e contratará e executará os traballos.
A intervención ten como obxectivo conseguir que a estrada AC-543, ao seu paso por Brión, se converta nunha rúa, nunha vía máis humana ao servizo dos núcleos de poboación polos que pasa e con especial atención aos usuarios vulnerables.
En detalle, as obras centraranse na ampliación e renovación das beirarrúas, para iso será preciso estreitar a propia calzada; na reposición da capa de rodaxe en ambos os dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento e na renovación da sinalización.
Na execución destas actuacións, e para non solapar nin duplicar o traballo, o Concello deberá ter en conta as obras de mellora da accesibilidade e as conexións das paradas de autobuses que está a impulsar a Xunta nas estradas da súa titularidade. A actuación programada pola Xunta prevé mellorar seis paradas de autobús que están situadas neste treito da estrada AC-543: en ambas as marxes no lugar do Tremo, na gasolineira do Tremo e no empalme de Liñares.
Co cambio de titularidade, o Concello de Brión terá a competencia para actuar neste treito e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.