Compostela, 26 de xuño do 2018 – A xunta de goberno do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC nomeou como director o profesor Xosé Luís Regueira Fernández logo de que fora proposto por unanimidade como candidato nunha reunión do seu Consello Científico.
Xosé Luís Regueira Fernández (Vilalba, 1958) é catedrático da área de Filoloxías Galega e Portuguesa. Licenciouse en Filoloxía Románica na USC en 1982 e obtivo o título de doutor na mesma universidade sete anos despois. Forma parte do ILG desde 1981, onde foi o seu secretario entre 1996 e 2005.
Os seus intereses investigadores céntranse na fonética e na variación da lingua oral, e actualmente é investigador principal do proxecto Cambio lingüístico no galego actual. Dende a súa aparición en 1990 é coordinador da revista Cadernos de Lingua que edita a Real Academia Galega, á que pertence como membro numerario dende 2012.
Xunta de goberno
Na reunión, a xunta de goberno deu o seu visto bo á memoria de actividades e económica de 2017 e á programación de 2018. Ademais, na xuntanza aprobaron a reforma do regulamento de réxime interno do propio Instituto.