Processed with VSCO with b5 preset
Touro, 9 de setembro do 2018 – Os afeccionados á fotografía teñen ata o 9 de novembro para presentarse ao XIII Concurso de Fotografía Touro en Imaxes, que organiza cada ano o Concello de Touro.
O prazo de entrega en Touro en Imaxes abriuse o pasado 20 de xuño. A cita coa fotografía consta de dous apartados na categoría de adultos (maiores de 18 anos): Premio Natureza e Premio Patrimonio Histórico-Cultural. Cada apartado está dotado cun premio de 300 euros. Pola súa banda, a categoría xuvenil (entre 12 e 18 anos) ten tamén ambas categorías pero en este caso o premio será unha cámara de acción deportiva.
O Concello de Touro explica que o obxectivo do concurso é “contribuír á creación artística, fomentar a divulgación da fotografía e promocionar os recursos naturais e histórico-culturais do municipio”. Poderán participar todas as persoas físicas que cumpran o establecido nas bases. Cada autor ou autora poderá presentar un máximo de catro obras, que deberán ser orixinais, recentes e inéditas. As fotografías realizaranse en branco e negro ou cor.

O propio Concello de Touro exporá as fotografías gañadoras e tamén as dos demais participantes. Un xurado composto por cinco persoas será o encargado de valorar, estimar e determinar os traballos presentados e elexir aos gañadores. A súa decisión será inapelable. Os traballos pasarán a formar parte dun arquivo creado para uso municipal. Os interesados en presentarse no concurso poden consultar as condicións da convocatoria en www.concellodetouro.com.
Os profesionais e afeccionados que participen poderán presentar os seus traballos no rexistro do Concello ou enviando as obras por correo certificado nun sobre pechado ao seguinte enderezo: XIII Concurso de Fotografía Touro en Imaxes. Concello de Touro. Rúa Isabel II, 26. Fonte Díaz. 15822. Touro. A Coruña.
