Rois, 10 de maio do 2017 – O Pleno de Rois aprobou por unanimidade a moción presentada por Xente de Rois para sensibilizar e difundir o uso de galego nas lápidas dos cemiterios.
Segundo Xente de Rois, nun concello como o de Rois, no que a utilización do galego é case do 100%, chama a atención, precisamente, que xente que se expresa e que se relaciona en galego toda a súa vida unha vez morta sexa recordada en castelán nas lápidas dos cemiterios.
O concelleiro da formación, Pere Tobaruela, explicou que “fixemos un pequeno estudo nos cemiterios parroquiais de Sorribas e Ribasar. No de Sorribas, do total de 315 tumbas e nichos, só hai dúas lápidas en galego. En Ribasar, tan só oito das 255 están na nosa lingua”.
Por este motivo, engadiu Tobaruela, “aproveitando que hai un servizo de normalización lingüística no noso concello, nos propuxemos poñer en marcha unha campaña de sensibilización e difusión do uso do galego nas lápidas dos cemiterios”.
