Silleda, 6 de maio do 2021 – O Concello de Silleda, a través da Concellería de Cultura, vén de programar distintas actividades para conmemorar o Día das Letras ao logo deste mes de maio.
O vindeiro venres día 14, ás 18:00 horas, terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Silleda a estrea de “Menú de Refectorio”, o novo espectáculo de Viravolta Títeres. Este espectáculo familiar está baseado en textos da obra O Conde de Lucanor, do Infante Don Juan Manuel e no Decameron de Giovanni Bocaccio.
O sábado 15, tamén no salón de actos da Casa da Cultura, terá lugar ás 12:00 horas a entrega do premio Modesto R. Figueiredo de narración curta, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro este ano ca colaboración do Concello de Silleda. Adolfo Caamaño, gañador desta edición; Antonio Piñeiro e Esteban Brea, que acadaron senllos aceses, recollerán os galardóns neste acto. Tamén terá lugar un recital poético con dúas autoras locais: Sara Villar Aira e Carmen Castro Dapena, que lerán creacións propias ademais de poemas de Xela Arias. A nota musical chegará da man dun cuarteto de corda da Escola Municipal de Música de Silleda.
O mércores 19 a programación continuará para o público máis novo, cunha dobre sesión (en Silleda e na Bandeira) que repasará a vida e obra de Xela Arias a través dun conto ilustrado da man de Polo Correo do Vento, colectivo especializado en actividades para os máis cativos co fin de promover a lectura, a comprensión oral en galego e o desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos. Baixo o lema “Xela Arias, liberdade, Solidariedade e amor pola lingua”, os integrantes do grupo Enrique Mauricio e Carlos Taboada, ofrecerán dúas funcións na tarde do mércores, unha no Centro Cultural Vista Alegre (17:00 horas) da Bandeira e outra no salón de actos da Casa da Cultura de Silleda ás 18:30 horas.
Debido á situación sociosanitaria para asistir a estas actividades será preciso anotarse previamente, a fin de cumprir cas limitacións de aforo establecidas. As persoas interasadas deben chamar ao 986 580000 (preguntando polo departamento de Cultura).