Compostela, 11 de febreiro do 2018 – O Consello Xacobeo, a través da Dirección xeral de Industrias Culturais e do Libro, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago subscribiron, na Secretaría de Estado de Cultura, un convenio de colaboración para a promoción de proxectos xacobeos.
O acto tivo lugar durante a reunión mantida polo director xeral de Industrias Culturais e do Libro e Secretario do Consello Xacobeo, Óscar Sáenz de Santa María, coa Xunta Directiva da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, encabezada polo seu presidente, Antonio Silván, alcalde de León, e formada, entre outros, polos alcaldes de Logroño, Jaca e de Portomarín. O convenio permitirá a cooperación entre ambas as institucións na promoción de proxectos culturais de alcance nacional ou internacional que se desenvolvan en torno ao Camiño de Santiago e cuxos fins coincidan con algunha das liñas de actuación definidas no Plan de traballo 2015-2021 do Consello Xacobeo: dinamización cultural do Camiño de Santiago, participación en redes internacionais, deseño de programas formativos de contidos transversais, mellora da sinalización e infraestruturas e protección do Camiño de Santiago. Divulgar os valores e a cultura xacobea
A reunión celebrada na Secretaría de Estado de Cultura enmárcase dentro da relación establecida nos últimos anos entre o Consello Xacobeo e a Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, entidade formada polos concellos dos municipios polos que discorre o Camiño de Santiago Francés, que ten por obxectivo fundamental axuntar e compartir esforzos para divulgar os valores e a cultura xacobea. É precisamente para poder alcanzar os obxectivos que se marcou o Consello Xacobeo de fronte ao próximo Ano Santo 2021 polo que se abriu esta nova vía de colaboración con asociacións xacobeas, que vén sumarse ao convenio de colaboración coa Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, con idénticos obxectivos e que xa está a dar os seus froitos no programa formativo O teu Camiño de Santiago, patrimonio de todos.