Compostela, 7 de maio do 2019 – O británico Wayne Marshall dirixe por primeira vez a Real Filharmonía de Galicia cun programa dedicado a música dos primeiros anos do século XX.
Serán dous concertos en Vigo, o xoves as 8 no Teatro Afundación, e Santiago. o venres no Auditorio de Galicia. Wayne Marshall levará a batuta dun programa que leva por título Que comece a música! e está centrado en compositores norteamericanos e británicos do século XX. Así, os concertos arrincarán coa abertura de Strike up the Band! (Que soe a Banda!) do estadounidense George Gershwin (1989-1937), recoñecido por lograr realizar unha conxunción perfecta entre a música clásica e o jazz. Esta peza foi composta para unha comedia musical de Broadway, unha sátira sobre a política estadounidense, a guerra, as grandes empresas, o militarismo e as relacións exteriores.
A continuación o público poderá escoitar outra obra de Gershwin, o Concerto para piano en Fa Maior, que será interpretado por Wayne Marshall, cuxa paixón polo instrumento naceu precisamente ao escoitar por primeira vez esta peza. O primeiro movemento emprega o ritmo de charlestón e representa o novo espírito entusiasta da vida americana. O segundo movemento ten unha poética atmosfera nocturna en forma de blues americano.
Os concertos concluirán coa Sinfonía nº 1 do compositor e pianista inglés York Bowen (1884-1961). Escribiuna cando tan só contaba dezaoito anos e non foi estreada en público ata o ano 2010.
O director, pianista e organista Wayne Marshall
O director, organista e pianista británico Wayne Marshall é director titular da Orquestra Sinfónica da Radiotelevisión de Colonia, así como organista e artista asociado do Bridgewater Hall de Mánchester. Foi nomeado principal director convidado da Orquestra Sinfónica de Milán Giuseppe Verdi en 2007 e é un recoñecido intérprete da obra de Gershwin, Bernstein e outros músicos norteamericanos do século XX.
Marshall dirixiu as principais orquestras en Europa, Asia e Estados Unidos. Como recitalista de piano e órgano interpreta un repertorio variado, actuando nas salas máis prestixiosas de todo o mundo, entre elas o Konzerthaus de Viena, o Royal Albert Hall de Londres ou o Gran Teatro Nacional de Beijing. Como pianista é un colaborador habitual da Orquestra Sinfónica de Londres.
En 1998 dirixiu Porgy e Bess durante a celebración do Centenario de Gershwin e foi premiado co BBC Young Musician. Gravou para numerosos selos discográficos. En 2004 recibiu un Doutoramento Honorario da Universidade de Bournemouth e en 2010 converteuse en membro do Royal College of Music. En 2016 foi galardoado co Premio Independence Golden Jubilee polo seu servizo excepcional no Reino Unido.
