O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reúnese por videoconferencia coa presentadora do Dígocho eu, Esher Estévez, con motivo da convocatoria do certame Lingua de namorar.
Compostela, 15 de febreiro do 2021 – Lingua de namorar, o certame de declaracións de amor en galego na rede volve e faino con interesantes novidades para os participantes.
Lingua de namorar convocase cada febreiro desde as Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social da Xunta de Galicia. Este ano chega a súa décima edición con importantes novidades xa que incorpora unha nova categoría exclusiva de Instagram.

Namorar en pandemia
Baixo o lema #namorarenpandemia o certame está dirixido a mozos de entre 14 e 35 anos. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García destaca que “É importante visibilizar e dinamizar as iniciativas de promoción do uso do galego nos espazos nos que se move a mocidade, adaptalas a eles, incentivar a súa participación”
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, sinalou que a mocidade ten unha oportunidade única para amosar nesta nova edición o seu espírito creativo á vez que fai uso das súas habilidades coas novas tecnoloxías.
O prazo de participación no concurso está aberto ata o vindeiro 12 de marzo para que a xente nova poida enviar os seus textos e concorrer aos premios (tres bicicletas eléctricas, dúas tabletas e dúas cámaras deportivas). Non deben superar os 350 caracteres no caso das dúas categorías habituais, na que se ditaminan seis premios, nin os 200 caracteres no caso da terceira nova categoría exclusiva de Instagram, que inclúe un único galardón. Toda a información e bases poden consultarse aquí.
