Compostela, 19 de marzo do 2018 – Un único punto pero que vale un partido, o Obradoiro gañou por ese solitario tanto (62-63) en Badalona ao Divina Seguros Joventut.
Os primeiros cinco puntos ante o Joventut foron de David Navarro que comezaba inaugurando o marcador cunha canastra e un triplo. Ambos os equipos mostraron o seu mellor nivel defensivo neste primeiro cuarto, facendo que ningún dos dous conseguise sacar vantaxe sobre o outro. Foi con Sàbat en pista cando o conxunto galego marcouse un parcial de 0-6 para chegar ao final do tempo con 13-16 no marcador.
Ao Monbus Obradoiro escapábanselle puntos de vantaxe desde a liña de tiros libres e, tras varias perdas, o seu rival recompúxose cun parcial de 7-0 que, tras un triplo de Gielo, puxo por diante no electrónico (26-25) aos locais. Pero os de Moncho Fernández demostraron coraxe e, grazas ao alto nivel defensivo, conseguiu deixar ao seu rival sen anotar no últimos catro minutos e medio cun parcial de 0-12, empezando cos tiros libres de Sàbat e Bendzius e o triplo de Pozas, para irse ao descanso con 11 puntos de vantaxe (26-37).
Pustovyi e Bendzius aumentaban a renda a catorce puntos tras o paso polos vestiarios pero o Divina Seguros Joventut non ía poñer as cousas fáciles e apertou en defensa, conseguindo desconcentrar ao rival. Así, Laprovittola guiou ao seu equipo recortando distancias e chegando ao final do terceiro cuarto a só seis puntos dos galegos (47-53).
O último cuarto foi como se prevía: un duelo de máxima intensidade. A Penya continuaba recortando distancias no marcador, tras unha discutible técnica a Pepe Pozas e con Artem Pustovyi sorprendentemente eliminado por faltas, ata que a falta de 02:30 Jordan empatou o encontro tras anotar dous tiros libres tras falta (60-60). Anotou Llovet desde debaixo de canastra para poñer ao seu equipo por diante e de novo Jordan empataba a 62 con tiros libres. Foi o mesmo xogador o que puxo en perigo a vitoria do Monbus Obradoiro cunha canastra nos últimos segundos pero esta non foi válida xa que o árbitro sinalou falta en ataque ao xogador sobre Nacho Llovet. O xogador obradoirista anotou o primeiro deles, poñendo ao seu equipo 62-63 no marcador final para conseguir a úndecima vitoria da tempada. O Monbus Obradoiro regresa a Sar para recibir este domingo, ás 18:00 horas, ao actual campión da Copa do Rey, o FC Barcelona Lassa.
FICHA TÉCNICA Divina Seguros Joventut 62: Laprovittola (11), Richard (9), Conger (2), Gielo (8), Jordan (7) -quinteto inicial-, Dimitrijevic (1), Birgander (4), López- Arostegui (6), Vidal (4), Kulvietis (6), Nogués (0) e Ventura (4).
Monbus Obradoiro 63: Pozas (3), Navarro (10), Bendzius (15), Radovic (1), Postovyi (7) -quinteto inicial-, Sàbat (10), Simons (0), Llovet (5), Spires (4), Thomas (5) e Laksa (3).
Árbitros: Carlos Cortés, José Ramón García Ortiz e Víctor Mais Cagide. Parciais: 13-16, 13-21, 21-16 e 15-10.
Incidencias: Partido da Xornada 23 da liga Endesa, disputado no Palau Olímpic d Badalona ante 5.052 espectadores.