Bisbarra, 21 de xaneiro do 2019 – Sorte desigual para os equipos da bisbarra na segunda nacional de fútbol sala, vitoria para o Futsal ante o Córdoba e derrota do Noia en Talavera.
Santiago Futsal gaña en Santa Isabel
Cumpriuse o obxectivo santiagués na súa volta a Santa Isabel neste 2019. No primeiro encontro do presente ano en casa para a escuadra que dirixe Santi Valladares, lograron unha valiosa vitoria ante todo un CF Córdoba Futsal, que non foi capaz de superar a efectiva defensa do Santiago Futsal; nin a un providencial Álex Pérez que logrou manter a súa portería imbatida. Os goles de Christian, o primeiro da fichaxe santiaguesa na súa carreira no equipo celeste, Everton e Santi culminaron un traballado encontro por parte de todo o persoal santiagués.
Con esta vitoria os de Santi Valladares suman 10 dos últimos 12 puntos en xogo en Santa Isabel e a primeira vitoria do ano 2019 que os afasta aínda máis dos postos de descenso.
Nova derrota do Noia Portus Apostoli
Continua a serie negativa para o Noia Portus Apostoli que non puntuou ante o Talavera, 6-4 reflectía o luminoso no pavillón Primeiro de Maio tras as finalización dun encontro intenso no que a moeda puido caer en calquera dos dous lados.
“Non nos sentimos inferiores ao rival en canto a potencial, a xogo ou proposta pero ao final cometemos erros que che acaban por penalizar e fai complicado conseguir un resultado positivo” afirmaba o técnico noiés ao final do partido en rolda de prensa. E é que a serie negativa do equipo noiés é en canto a resultados penalizados por eses erros que lles impiden puntuar xornada tras xornada.
Partido vibrante o que puideron vivir na Cidade da Cerámica tanto a afección local como a noiesa que viaxaron para alentar ao seu equipo nestes momentos e como sempre, nunca falla.