Santa Comba, 5 de xullo do 2019 – Os alumnos do obradoiro Xallas-Barcala-Dubra IV veñen de poñer en marcha a iniciativa de dinamización Visitas teatralizadas a Casa do Pozo en Santa Comba
A casa do Pozo é unha vivenda do século XIX de planta rectangular. Doada ao concello foi rehabilitada e no ano 2012 abriuse o museoTerra do Xallas. Cunha base histórica, a visita por esta casa fidalga é coma entrar nunha máquina do tempo que nos transporta a outra época. As persoas que asistan a viaxe disfrutarán dun percorrido pola historia, a sociedade, a educación, o mundo da empresa, e o fenómeno migratorio no S.XX na vila de Santa Comba.
As visitas, orientadas para grupos cun máximo de quince persoas e previa reserva, terán lugar os vindeiros luns 8, 15 e 22 de xullo ás 12:00h da mañá.
Esta actividade fai realidade un dos obxectivos primordiais do obradoiro que é a promoción e posta en valor dos recursos turísticos, así coma incidir na necesidade de exercer a divulgación turística dunha maneira innovadora que conecte directamente co público. Trátase de aproveitar o tempo de ocio divertíndose e aprendendo.
As persoas interesadas en vivir esta experiencia única deben realizar a súa reserva no email: obradoiroturismo2019@gmail.com ou no teléfono 643569224.