Boqueixón, 26 de marzo do 2021 – O concello de Boqueixón retoma as visitas guiadas ao patrimonio xeolóxico do Pico Sacro durante a Semana Santa.
A empresa Geotur Galicia encargarase de organizar estas actividades que contaron con gran acollida durante o pasado verán
O programa desenvolverase os días 1, 2, 3 e 4 de abril entre as 11.00 e as 12.00 horas. As prazas son moi limitadas, co fin de cumprir estritamente con todos os protocolos de seguridade e prevención contra a expansión da COVID-19. Permitirase un máximo de 8 persoas por actividade (máis o guía).
O prezo por participar nestas actividades é de 10 euros por persoa, se ben os/as menores de 12 anos poderán asistir de balde. As reservas deberanse realizar de xeito previo a través do enderezo electrónico geoturgalicia@gmail.com ou no teléfono 675 820 520.
Detalles dos percorridos
Os asistentes poderán descubrir a importancia do Pico Sacro dende o punto de vista xeolóxico. Entre outros detalles, falarase sobre as súas covas de cuarzo natural, as únicas estudadas no mundo.
Tamén a través destas visitas, achegarase ao público parte da historia xeolóxica do planeta tomando o Pico Sacro como referencia. Como complemento, poderase gozar das impresionantes panorámicas da bisbarra compostelá que se poden ver dende este enclave.
Os percorridos terán como punto de encontro o aparcadoiro do Pico Sacro e durarán aproximadamente unha hora. A visita levará ás persoas asistentes a distintos puntos como o cumio principal deste monte, o sub-cumio oeste, as dúas bocas das covas e a Rúa da Raíña Lupa. Cada parada contará con cumprida información sobre a singularidade deste enclave.
