Teo, 28 de setembro do 2021 – O Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou este luns as obras que o Ministerio para a Transición Ecolóxica financia no concello de Teo.
Son sete proxectos sete proxectos de eficiencia enerxética e mellora da mobilidade que supoñen un investimento de máis de tres millóns de euros. Na visita a Teo Miñones estivo acompañada pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde, Rafa Sisto, e a Primeira Tenente de Alcalde, Uxía Lemus.
Sostenibilidade
José Miñones explicou que, dentro da aposta pola sostenibilidade, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico concedeu 3.327.382,75 euros para sete proxectos en Teo a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). A subvención estatal alcanza o 80% do investimento total dos proxectos e o Concello asume o 20% restante.
O delegado detallou que dos proxectos, dous están centrados na mellora enerxética e fomento do autoconsumo eléctrico en edificios públicos municipais e os cinco restantes están centrados na mellora da mobilidade, no ámbito do Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Concello de Teo.
O proxecto de maior contía é a construción de 13 quilómetros de senda peonil e ciclista nas parroquias do centro-sur (3 fases cunha achega do Goberno superior a 1,8 millóns de euros). Síguelle o proxecto de camiños escolares seguros e a mellora da calidade ambiental e eficiencia enerxética da mobilidade rodada. Este último proxecto inclúe accións como mellora de marquesiñas e da información de horarios, rede de aparcadoiros para bicicletas, sinalización e mapa de itinerarios ciclistas e estacionamentos disuasorios, entre outras iniciativas.
José Miñones explicou que Teo tamén conta co apoio do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Neste caso, a través do Plan de Extensión de Banda Ancha 63 entidades de poboación do Concello se beneficiarán da instalación da banda ancha e mellorarán a súa conectividade a Internet. “Como saben, o obxectivo do Goberno é alcanzar o 100% de cobertura de banda ancha de alta velocidade en Galicia antes de 2025. E isto é clave para a pervivencia do rural e garantir a igualdade de oportunidades da súa poboación”, apuntou o delegado.
Plan de Recuperación
A visita serviu para trasladar ao Goberno local de Teo as novidades e oportunidades que brinda o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para mellorar a calidade de vida das vilas e das zonas rurais.
José Miñones lembrou que “no Goberno traballamos convencidos do papel das administracións locais na construcción desta España dixital, verde, inclusiva e igualitaria”, e engadiu que “estamos a facer un esforzo para que os Concellos formen parte deste proxecto de país, para que poidan repercutir na cidadanía os beneficios que trae o Plan de Recuperación”.
Loita contra a violencia de xénero
O delegado do Goberno destacou a colaboración do Concello de Teo co Executivo na loita contra a violencia de xénero. En 2020 suscribiu o protocolo que permite á policía local de Teo colaborar no seguimento e protección de vítimas desta violencia. Ademais, o Ministerio de Igualdade acordou este mes transferir 15.454 euros ao goberno local teense para a execución de programas e medidas contra a violencia machista neste municipio.
