Lousame, 7 de novembro do 2017 – A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Agrafojo, presidiu a primeira reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, constituída formalmente o pasado mes de maio.
Este primeiro encontro serviu para avanzar nun protocolo de actuación común ante casos de violencia de xénero no municipio. Este protocolo unificará as respectivos recomendacións das entidades representadas na mesa: Concello de Lousame, Garda Civil de Noia, CPI Cernadas de Castro, CIM de Noia e Centro de Saúde de Lousame.
Silvia Agrafojo explica que “o obxectivo principal desta Mesa é facilitar a detección precoz de casos de violencia, optimizar a coordinación dos axentes implicados nesta loita e así poder ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas”. Neste sentido enmarca o protocolo de coordinación de actuacións no que se traballou pois “cada entidade ten un procedemento ou protocolo interno e é preciso coordinarnos entre nós para evitar a victimización secundaria e que as vítimas vaian de institución en institución na busca dunha solución”.
Os presentes traballaron en común sobre o protocolo presentado este venres na Mesa e acordaron acometer unha serie de cambios, polo que o protocolo final será ratificado na vindeira sesión, que terá lugar no mes de maio presidida pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. Neste sentido, Silvia Agrafojo agarda que o traballo realizado serva para “visibilizar a problemática da violencia de xénero, proporcionar unha atención integral ás vítimas e que todos saibamos que facer e quen ten que facelo para poder actuar sen dilacións”.
Participantes
A creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do 20 de novembro de 2014 e constituída formalmente en maio de 2017. Reúnese de xeito ordinario cada seis meses, se ben cabe a posibilidade de convocatorias extraordinarias ante situacións de emerxencia.
Na súa primeira reunión, a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame estivo presidida pola concelleira de Muller e Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, e integrada por: Julio César López González, sarxento da Garda Civil de Noia; Pilar Cobas Cajuso, directora do CPI Cernadas de Castro; Silvia Freirías Castelao, enfermeira do centro de saúde de Lousame; Julia Vieiro Justo, psicóloga do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social do Concello de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade e secretaria da Mesa.