Vila de Cruces, 26 de agosto do 2019 – O BNG de Vila de Cruces reclama melloras para o Centro de Saúde e unha reunión co Conselleiro de Sanidade para tratar o tema.
Os nacionalistas explican que ademais das carencias en persoal está a falta de coidado das instalacións e a necesidade de humanizar o entorno.

O BNG considera que hai distintas accións que se poden levar a cabo desde o concello pese a que a xestión é responsabilidade do SERGAS, o Servizo Galego de Saúde. Explican que o centro non ten un colector de papel o que afecta a xestión de residuos do edificio.
Tamén consideran que as beirarrúas da contorna teñen unha altura que dificulta o aparcamento para calquera tipo de vehículo, ademais de constituír unha barreira arquitectónica nun lugar de tránsito para numerosos carriños de crianzas e cadeiras de rodas.
Tampouco existe ningún aparcamento específico para discapacitados, que debería estar situado diante do centro de saúde. Engaden ademais que a sala de agarda do servizo de pediatría podería ser humanizada dotándoa de material lúdico e xoguetes para as crianzas usuarias do servizo.
Outra das melloras que consideran posibles dentro das competencias do concello sería a sinalización da entrada de emerxencias, xa que a miúdo está obstaculizada con coches mal aparcados. Por último, sería preciso buscar unha solución para a aterraxe do helicóptero de emerxencias, ben propiciando a delimitación dun espazo especçifico, ou ben creando un heliporto que non suporía un custo elevado para o beneficio moito maior que suporía.
Fóra das accións a emprender dende o concello, o BNG fala da necesidade de solicitar unha reunión co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galiza para tratar de conseguir a recuperación das urxencias e outros servizos como a reposición dos traballadores en períodos de vacacións e baixas e a reclamación dunha praza extra de enfermaría.
