займ срочно

Viki Rivadulla leva ‘Atlánticas’ ao Pazo de Fonseca

0

Compostela, 25 de xaneiro do 2022 – Un total de 30 acrílicos pintados entre os anos 2020 e 2021 integran a mostra ‘Atlánticas. Mulleres do Nordés’ da artista Viki Rivadulla.

A mostra está aberta no no claustro situado no primeiro andar do Colexio de Fonseca. ‘Atlánticas’ nace como unha declaración de principios e unha toma de postura ante unha forma de vida e unha cultura do mar da que a autora, Viki Rivadulla,  forma parte “por legado e por desexo e que é intrínseca ao ser da Costa da Morte”, explica.

A presenza do lugar onde vive, Muxía, abrangue a totalidade do proxecto. “Mais é un microcosmos exportable. Metáfora de moito máis”, sinala a creadora.

“O mundo do mar atópase en serio perigo de extinción, polo menos tal como o coñecemos, como elemento de identidade que vai mais alá dun oficio e que supón unha filosofía e un xeito de entender o ser humano”, explica Rivadulla. Este é o punto de partida de ‘Atlánticas. Mulleres do Nordés’, inspirada nas mulleres da costa galega e especialmente nas da Costa da Morte e presentando “uns seres case míticos pero fundamentados nunha realidade e ligados ao seu oficio mariñeiro”, matiza a artista. “Mulleres apoderadas que defenden con orgullo o seu ser mariñeiro, mais afastadas do estereotipo de muller agardando no peirao”, engade.

As mulleres do mar careceron secularmente de visibilidade, aínda sendo figuras tan imprescindibles coma as percebeiras, mariscadoras, peixeiras, redeiras e mesmo mariñeiras e patroas. “Con todo, a literatura, a arte e o imaxinario perpetuaron a imaxe da muller sufridora e pasiva agardando a chegada do home que trae á casa o alimento e a vida”, continúa a artista. ‘Atlánticas’ reflicte a femias que se negan a abandonar a súa forma de vida ligada ao mar. “Son mulleres que viven en simbiose coa costa, cos peixes e coñecen os pulsos das mareas, coróanse de vida con ourizos, peixes e percebes que lles nacen nos cabelos, e teñen escamas na pel afeita a vivir no salitre e no Nordés”, explica Rivadulla.

As ‘Atlánticas’ son un berro ante o cambio que chega para deixar as vilas baleiras de mar, “dese mundo do mar que nutriu a toda a nosa estirpe mariñeira tanto física como emocionalmente”, matiza. “Chegan para mostrarnos todo o que estamos a punto de perder, a beleza desa vida vizosa do mar que chegou das antigas, e sobre o que teriamos que tomar urxente conciencia”, continúa. A exposición permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 25 de marzo, de luns a venres,  de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies