Noia, 15 de xullo do 2021 – Este mércores foi presentada a oitava edición do Noia Harp Fest, o único certame de arpa do noroeste da península.
Do catro ao seis de agosto o Noia Harp Festa collerá artistas de Italia, Bretaña, Lituania, Francia, Paraguay, Galicia, Euskadi, Cataluña e
Andalucía. É un dos poucos eventos que se seguiu celebrando en pandemia e esta será a segunda edición marcada polas restricións.
O encontro de arpa foi presentado polo seu director, Rodrigo Romaní, e o concelleiro de cultura de Noia, José Pérez Martínez. Romaní destacaba a pluralidade estilística do festival, que da lugar a “unha proposta exquisita na que tamén se descobren rarezas de calidade”.
Espazos e estilos
Estilos como a música clásica, as creacións populares europeas e latinoamericanas, a vangarda contemporánea, o folk ou, por primeira vez, o flamenco, formarán parte do festival.
O Noia Harp Fest incorpora este ano un novo escenario a ceo aberto, os xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre, que se suma ao habitual da Praza do Tapal; mentres que Santa María A Nova acollerá os obradoiros de arpa.
A intención ao incorporar a Central é afondar na estreita relación entre o patrimonio musical e arquitectónico que o certame pretende poñer en valor desde a primeira edición, ao tempo que celebra e visualiza os monumentos do territorio no que se desenvolve.
É o caso dos xardíns da Central Hidroléctrica do Tambre, nos que se atopa o edificio modernista deseñado polo recoñecido arquitecto Antonio Palacios (autor de obras como o Palacio de las Telecomunicaciones de Madrid ou Círculo de Bellas Artes da mesma cidade). Ao abeiro deste monumento da arquitectura industrial, celebraranse os concertos acústicos en horario de tarde, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.
Artistas
A arpa constitúe o eixe vertebrador dun festival cuxo cartel inclúe arpistas e intérpretes de sona, como a italiana Marianne Gubri, o bretón Tristan le Govic, en formato trío, a andaluza Ana Crisman ou mesmo agrupacións como a vasca Basabi, formación con interese na difusión da txalaparta e da que forma parte a coñecida arpista Alicia Griffith; ou o tándem conformado polos arpistas Davide Burani e José Antonio Domene.
Outro dúo, Formiga e Cigale, desta quenda francés e catalán, explora a música folk a través da arpa celta e do violín; mentres que o trío Ysando fusiona a tradición musical paraguaia e latinoamericana con composicións propias.
Con todo, nesta edición do Noia Harp Fest, tamén estarán presentes,
como é habitual, os músicos galegos. É o caso de Pedro Lamas. O creador e compositor acompañará a Aiste Bruzaite nun concerto de kanklès, un singular instrumento de corda popular lituano moi popular neste país e na súa contorna.
Obradoiros de arpa
Outra das novidades respecto da pasada edición é que Noia Harp Fest retomará neste 2021 algunha das súas actividades paralelas habituais. É o caso dos obradoiros impartidos polos participantes do festival, que ofrecerán clases maxistrais ao alumnado deste instrumento en Santa María A Nova. Serán tres sesións diferentes, nas mañás dos días de celebración do festival, nas que Marianne Gubri (mércores 4), Aiste Bruzaite (xoves 5) e Ana Crisman (venres 6) compartirán todo o seu coñecemento e experiencia con novos instrumentistas galegos.
O prazo de solicitude para participar nestes obradoiros ábrese este mesmo mércores, 14 de xullo. Toda a información sobre estes talleres e o proceso de inscrición está dispoñible na páxina web do certame, www.noiaharpfest.gal, na que o público tamén pode consultar tanto os datos da programación como a información pertinente para proceder á reserva de entradas.
Reserva de entradas
Os concertos do Noia Harp Fest son de acceso gratuíto, se ben cómpre facer unha reserva previa para poder asistir a través de convite. En atención á normativa sanitaria vixente de prevención da covid-19, e coa intención poder garantir a súa entrada para cada concerto, as persoas interesadas en asistir a algunha das citas do certame, deberán remitir, con antelación, un correo electrónico á dirección programacionconcellodenoia@gmail.com, indicando o seu
nome e apelido, DNI, teléfono de contacto, concerto ao que quere ir -indicando o día ou días que quere asistir, así como a hora ou horas das actuacións- e número de persoas que asistirán a cada actuación -no caso dos concertos de tarde, será un máximo de 2 persoas, mentres que os nocturnos será posible reservar ata 4 prazas.
O Concello de Noia confirmará os convites a través do mesmo método e requerirá os datos que sexan precisos para a súa formalización.
Para máis información sobre VIII Noia Harp Fest, ou calquera novidade sobre o festival, o público pode visitar a páxina web oficial www.noiaharpfest.gal ou os perfís que o certame posúe
nas canles Instagram, Twitter, Facebook e Youtube.
