O Pino, 23 de novembro do 2021 – O Concello do Pino ten en marcha a oitava edición do Nadal Benéfico para recoller alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene persoal e de limpeza para as familias con menos recursos.

Xogos, baile, taller de maquillaxe e de debuxo no polideportivo de Pedrouzo fixeron gozar a nenas e nenos do Pino durante a Festa de Nadal que rematou cunha grande chocolatada.
FOTO: Alicentis SL
O Nadal Benéfico comezou no 2014 no Concello de O Pino. Unha campaña para que a veciñanza colaborara coas familias do municipio máis vulnerables. aportando alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene e de limpeza, que se depositaban nun caixón situado na Casa da Cultura. A camapaña dura ata o 31 de xaneiro, aínda que se seguen admitindo en calquera data, e que logo se gardan no almacén municipal para ser distribuídos polos servizos sociais.
A esta campaña de recollida sumáronse o ano pasado os tres supermercados que hai no Pedrouzo, que porán a disposición dos seus clientes un carriño no que deixar os seus donativos. Ademais de produtos de limpeza e hixiene persoal, pódese colaborar con comida enlatada, como fabas, lentellas, garavanzos, froitas en conserva ou potitos para bebés, que tamén serven para as persoas maiores; aceites, latas de conserva, pasta ou aqueles produtos non perecedoiros que sirvan para preparar comida. Tamén compresas, cueiros, xabón, ou calqueira produtos de hixiene.
Festa de Nadal e Quedada tecedora
Dentro da programación para estas datas tan especiais, a concellaría de Cultura ten preparada a terceira Festa de Nadal para a fin de semana do 11 e 12 de decembro nunha carpa que estará instalada na praza do Concello. Pequenos e maiores poderán gozar con xogos tradicionais, manualidades de Nadal, obradoiros de canón de confetti e macramé, globoflexia, e multixogos de realidade virtual, entre outras actividades, que se desenvolverán dende ás catro ata as sete da tarde.
Para repoñer forzas haberá chocolate e moitas sorpresas máis. E para rematar, o sábado 11 o grupo de teatro A Xanela do Maxín ofrecerá o espectáculo de títeres O apalpador e a nena sen medo a partir das 19.30 horas, na mesma carpa.
O domingo, día 12, a Festa de Nadal do Pino rematará cun Concerto de Panxoliñas que ofrecerá a Agrupación Cultural Espadana Tradicional, e na que non faltarán os gaiteiros. Mentres, na propia carpa da praza do Concello, está convocada unha Quedada Tecedora para os amantes da calceta e do ganchillo. Búscase recuperar e transmitir vellas tradicións. Esta iniciativa tivo un grande éxito na súa primeira convocatoria no 2019 (o ano pasado non se puido celebrar pola pandemia da covid-19). “Quen non lembra a súa avoa, nai ou tía cun novelo de lá sobre todo nas tardes de inverno?”, pregúntase Eva Varela. Con esta quedada tecedora preténdese favorecer que a veciñanza poida “compartir experiencias e sabedoría sobre o mundo da calceta e do ganchillo”, engade a concelleira.
Papá Noel visita os centros educativos
E coma todos os anos no Pino antes da vacacións de Nadal o alumnado máis novo da escola infantil A Galiña Azul, da unitaria de Gonzar e do CPI Camiño de Santiago recibirán a visita de Papa Noel e poderán trasladarlle as últimas peticións e recordarlle o ben que se portaron o resto do ano.
Concertos de Nadal e comitiva dos Reis Magos
A música ten tamén o seu oco nesta programación de Nadal. O sábado, día 4, Manoele de Felisa ofrecerá na casa de cultura (20.00 horas) o seu ‘Cancioneiro do Camiño’, un concerto que estaba programado para o verán e que foi suspendido debido á incidencia da covid-19 no municipio. E despois da Noiteboa, a Banda de Música de Arca ofrecerá o seu tradicional Concerto de Nadal. Será o domingo, 26, na casa de cultura.
As festas rematarán o 5 de xaneiro coa visita que a comitiva dos Reis Magos farán a todas as parroquias do Pino, antes de recibir aos nenos e nenas no polideportivo de Reboredo (Arca) a partir das sete e media da tarde.