Compostela, 15 de febreiro do 2017 – A sede da Fundación Eugenio Granell acolleu a proxección do documental Cortázar Galicia, unha peza audiovisual dirixida por Juan de la Colina arredor das viaxes que o escritor arxentino e Aurora Bernárdez realizaron a Galicia nos anos 1956 e 1957.
Durante a presentación do traballo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese da obra para afondar na intensa vinculación que Julio Cortázar mantivo con Galicia, así como na presenza que esta terra tivo no seu universo literario. Tamén recordou o papel da primeira muller do escritor, Aurora Bernárdez, nesta relación.
As cartas e outros textos sobre as viaxes que Julio Cortázar fixo a Galicia son a base desta peza documental, producida por Miramemira coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, e que se apoia en documentación facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), pola Fundación Juan March e pola Fundación Luís Seoane.
Un achegamento ao universo galego de Cortázar
O arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar foi depositado por Aurora Bernández no Centro Galego de Artes da Imaxe, xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e O.U., no ano 2006 para a súa custodia e conservación.
Producido por Miramemira coa colaboración da Xunta de Galicia, o documental estreouse en 2014 no marco do centenario do escritor, co obxectivo de favorecer o achegamento ao universo galego dun dos nomes máis destacados da literatura universal.