Boqueixón, 8 de setembro do 2018 – O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha o VI Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón aberto ó público en xeral e no que se poderá participar ata con 3 fotografías.
Paisaxes de Boqueizón ten como principal obxectivo fomentar a creatividade e dar a coñecer a diversidade e riqueza histórica, cultural e etnográfica do municipio. A temática das imaxes versará sobre aspectos como a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio. O prazo de envío das propostas finalizará o próximo 2 de novembro.
O xurado do VI Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón seleccionará un total de 12 imaxes. Estas utilizaranse para elaborar o calendario do 2019 que edita o Concello. Das escollidas sairán ademáis as tres instantáneas vencedoras. Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán canxear en calquera estabelecemento do concello. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. O fallo do xurado, que será inapelable, darase a coñecer o 21 de novembro.
Inscrición e participación
Segundo se especifica nas bases do certame, a inscrición deberase realizar a través da páxina web municipal www.boqueixon.com. Cada participante deberá cumprimentar e asinar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .jpg nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, que terá unha resolución mínima de 2000×1500 px. Dende o Concello de Boqueixón animan á veciñanza e amantes da fotografía a participar neste concurso. Agardan que a iniciativa conte cunha boa participación e que axude a poñer en valor os fermosos recunchos e paraxes do municipio.
