Vedra, 4 de febreiro do 2022 – Tras un 2021 cunha Festa da Camelia centrada na rede o concello de Vedra presenta a programación das XXVI Xornadas Arredor da Camelia.
Coas necesariasmedidas de seguridade sanitaria, o concello de Vedra recupera algunhas das citas máis importantes das xornadas como o VI Maratón Popular, a XI proba BTT ou a exposición de camelias na nave da estación. Dous días de visitas teatralizadas ao Pazo de Ortigueira enriquecen unha festa que protagonizará febreiro en toda a redonda.
Mellor en bicicleta
Unha das probas clásicas dentro da programación das Xornadas aredor da Camelia é a proba BTT que ademais estrea trazado. A edición número 11 terá, como é habitual, dous percorridos de 60 e 30 kilómetros cada un. Celebrarase o 13 de febreiro con recollida de dorsais desde as oito da mañá e saída as nove e media desde o velódromo de Vedra.
As inscricións xa están esgotadas. Serán un máximo de 350 participantes e, como en todas as actividades, aplicarase o protocolo Covid.
Concerto de Pablo Díaz e plantación de Camelias
O día 19, as seis e media da tarde terá lugar un concerto do cantautor Pablo Díaz. Trátase dun concerto familiar que leva por título “As miñas mans” e que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do proxecto Emerxe Ulla. Seguirase un estrito protocolo de seguridade sanitaria e pode obterse máis información no departamento de cultura do concello, no teléfono 981814691.
O día 24, como antesala dos días grandes da Camelia, farase unha plantación conmemorativa nos centros educativos do concello de Vedra. Como se fai desde hai anos estas iniciativas serven para iniciar aos máis novos nas Xornadas arredor da Camelia e se impliquen en elas a medida que van crecendo.
A Camelia faise protagonista
Os días 26 e 27 a camelia faise protagonista. Nas dúas xornadas terán lugar visitas teatralizadas ao Pazo de Ortigueira co nome de “Camiñando entre camelias co Tío Iván (VII Marqueés de Sta. Cruz de Ribadulla)”. O 26 organizase ademais unha mesa de experiencias sobre traballos ornamentais con arte efémero.
O día 27 a nave da estación de Sta. Cruz acoille a exposición de Camelias, un dos actos centrais das xornadas. Actuará o grupo de requinteiros A Gaita de Sarandón e terá lugar o espectáculo de rúa “A tropa do doutor Milagre”. Tras a entrega de premios do Concurso de Pintura Infantil da Camelia un atranquen infantil dos xenerais e correos de Vedra porá fin á xornada.
As XXVI Xornadas arredor da Camelia aínda terán tempo para unha xornada técnica o 12 de marzo. O curso estará impartido por Eusebio López Redondo, enxeñeiro técnico agrícola, viveirista e produtor de camelia de colección. A poda, reprodución e as novas variedades de camelia serán os temas a tratar nunha xornada que porá fin ao mes que Vedra dedica cada ano a esta planta única.
Inscricións a toda a programación relacionada coas XXVI Xornadas Arredor da Camelia.
A partir do martes 8 de febreiro podes inscribirte en calquera das actividades (concerto, visitas teatralizadas, xornadas técnicas, exposición de flor,…) na páxina web municipal www.concellodevedra.gal
